
Afundación presenta o proxecto «Vida» de Rubén Riós dentro da súa programación para escolares
Afundación presenta, en colaboración con Claqueta Coqueta Producións, o proxecto de Rubén Riós «Vida», conformado pola curtametraxe Vida e o documental sobre o seu proceso de gravación, Máis ca vida. Trátase de dúas pezas audiovisuais nas que a ficción e o documental se entralazan para ofrecer unha coidada visión das complexas relacións humanas, neste caso con protagonistas con capacidades diversas.
As proxeccións realizaranse por toda Galicia dentro da programación de actividades para escolares de Afundación. O Auditorio Municipal de Ourense acollerá, o día 9 de xaneiro ás 10.00 h, a primeira delas, que continuarán o día 10 á mesma hora no Auditorio ABANCA de Santiago de Compostela; o 12 de xaneiro na Sede Afundación de Ferrol con dúas funcións, ás 9.30 e ás 11.45 h; o día 15 na Sede Afundación de Pontevedra; o 17 de xaneiro, ás 11.45 h, na Sede Afundación da Coruña; e, finalmente, os días 30 e 31 de xaneiro no Teatro Afundación de Vigo. Despois de cada proxección realizarase un coloquio co director e os protagonistas.
A curtametraxe Vida é a historia de Pablo e Elena, dos seus sentimentos, das súas preocupacións e das súas ansias de superación e autonomía. Óscar Rodríguez e Mónica Ferreiro, protagonistas da peza, contaron cun elenco de actrices e actores secundarios de recoñecido prestixio como Cristina Castaño, Javier Gutiérrez, María Mera ou Luis Iglesia entre outros. O documental que o acompaña, Máis ca vida, reflicte momentos do proceso da rodaxe e aborda a realidade cotiá de persoas con capacidades diversas.
Ambas as pezas en conxunto forman un instrumento pedagóxico dirixido a alumnas e alumnos de 1.º, 2.º, 3.º e 4.º de ESO adecuado para a sensibilización e a comprensión das capacidades diversas na vida cotiá, un tema pouco tratado a nivel tanto social como educativo.
O MARCO ESTRATÉXICO DA ÁREA EDUCATIVA DE AFUNDACIÓN
O obxectivo no eido formativo de Afundación está definido pola vocación a favor dunha educación comprometida mediante a defensa dun sólido sistema educativo integral. Partindo da importancia da escola como centro de aprendizaxe, as propostas de Afundación pretenden complementar o ensino académico, a instrución, presentando uns espazos e unhas actividades que conxuguen o lúdico e o formativo co fortalecemento de valores esenciais para unha sociedade cohesionada. Deste xeito, a entidade está comprometida coa tolerancia, co respecto, coa solidariedade e, por suposto, coa adquisición por parte de cada nena e de cada neno das ferramentas necesarias para perseveraren na procura da súa autonomía persoal.
As propostas da Área Educativa Afundación abranguen múltiples disciplinas e fomentan o desenvolvemento de competencias transversais. Así, o seu programa inclúe actividades culturais en artes escénicas e plásticas e de fomento da lectura; actividades interxeracionais que reforzan o respecto e o intercambio de coñecementos entre mocidade e xente maior; actividades de educación ambiental para abordar a relevancia do respecto polo medio; actividades de novas tecnoloxías, necesarias para o emprego das ferramentas imprescindibles nun contorno que innova de xeito permanente; e actividades de cociña que ensinan os beneficios dunha alimentación saudable.