Afundación programa un espectáculo cada catro días na cidade de Vigo entre os meses de setembro e decembro
Trece obras de teatro, sete concertos de música popular e catro de clásica, e danza e ballet, e ópera e tamén maxia. Así, ata 35 propostas en 4 meses. É a oferta de espectáculos do Teatro Afundación para o outono e o mes de decembro. A programación comeza e remata con dous concertos promovidos en colaboración con colectivos culturais e artistas de Vigo e Galicia. O 14 de setembro, e da man da asociación Amigos de la Ópera de Vigo, dan inicio as sesións do «Outono Lírico» cun recital das máis interesantes arias, escenas e dúos do compositor italiano Giuseppe Verdi. E como peche do ano, o 30 de decembro, o multiinstrumentista Abraham Cupeiro chegará ao teatro para propoñerlle ás persoas asistentes unha viaxe musical e sonora polas mitoloxías árabes, célticas, romanas e gregas. Entre ambas as citas, o público poderá desfrutar da Tempada de Teatro da Obra Social de ABANCA en Vigo, ou da Tempada de Abono de música clásica. Tamén se ofrecerán concertos tributo a grupos coma Queen, Los Brincos ou Los Secretos, actuacións de artistas coma Carlos Núñez ou Amancio Prada, ou as dúas galas dedicadas á maxia. As entradas xa están dispoñibles en Ataquilla.com.
Cando Abraham Cupeiro se despida do público o 30 de decembro, o Teatro Afundación completará un ano no que a Obra Social de ABANCA terá programado en Vigo un total de 94 espectáculos e actividades culturais en vivo. Trátase dun evento cada catro días e o ritmo mantense entre os meses de setembro e decembro coas 36 propostas previstas. Boa parte dos espectáculos esgotaron entradas na primeira metade de 2024. O Teatro Afundación ten capacidade para 944 persoas.
Obras teatrais
A programación inclúe un total de 13 obras teatrais. Polo escenario pasarán intérpretes de referencia na escena en España, como Cayetana Guillén-Cuervo, María Luisa Merlo ou Héctor Alterio, e tamén algunhas das máis celebradas propostas de comedia dos últimos tempos: desde Pantomima Full a Facu Díaz e Miguel Maldonado.
Tan só no mes de setembro, son catro as obras programadas: a exitosa comedia Corta el cable rojo, que leva 12 anos nos escenarios en Madrid, será a primeira, o 20 de setembro. Un día despois chegará David Cepo con No cruces los brazos. O día 28, haberá dobre sesión de humor: o show La Ruina, con Ignasi Taltavull & Tomàs Fuentes, no que o público participa e é parte importante do elenco, e o monologuista Pablo Ibarburu, que presenta Chico glamour.
A Tempada de Abono de Teatro de Afundación en Vigo comezará con Una pequeña historia, na que Héctor Alterio defende sobre o escenario un percorrido pola súa traxectoria persoal e profesional.
En outubro programouse La mujer sin nombre: Señora de Macbeth, dirixida polo tres veces Premio Nacional de Teatro e exdirector do Centro Dramático Nacional José Carlos Plaza. En novembro, a tempada continuará coa comedia Mentiras inteligentes, protagonizada por Maria Luisa Merlo. Xa en decembro, Cayetana Guillén-Cuervo liderará o reparto de Pandataria, unha obra que volve sobre o momento no que, durante a ditadura de Mussolini, un grupo de prisioneiros redacta o Manifesto de Ventotene, unha proclama en defensa dunha Europa libre, un texto considerado precursor da idea do federalismo europeo.
Comedias como Comandante Lara, en outubro, ou os shows de Pantomima Full e Facu Díaz e Miguel Maldonado, xa en novembro, son parte tamén da proposta escénica do Teatro Afundación de Vigo.
Clásica, ópera, ballet e danza contemporánea
Co concerto dedicado a Verdi do «Outono Lírico» comezan as sesións de clásica, música e ballet para os últimos meses do ano. Os amantes da música culta tamén poderán asistir a 3 concertos dentro da Tempada de Abono de clásica. Volverán ao Teatro Afundación a Real Filharmonía de Galicia, a Sinfónica de Galicia e mais o Orfeón Terra a Nosa en outubro, novembro e decembro, respectivamente.
Ademais, no mes de outubro, a tamén dentro do «Outono Lírico», hai dúas citas para os amantes da ópera: por unha banda, unha sesión dedicada ás cancións de cámara de Puccini. E o 29 de outubro, coa participación dos músicos locais da Orquesta Sinfónica Vigo 430 e do Coro Rías Baixas, poderán asistir á representación de Madama Butterfly.
Os ballets clásicos O lago dos cisnes e O crebanoces poderán verse os días 16 de outubro e 16 de decembro, respectivamente.
A danza contemporánea chegará da man do espectáculo Momix-Alice o 29 de novembro.
Música e maxia
A programación de música popular do Teatro Afundación inclúe un total de 8 citas. Comezará con dous musicais: o tributo a Michael Jackson Michael’s Legacy, o 29 de setembro, e o 4 de outubro con Friend’s: The Musical Parody, construída a partir dos personaxes e as historias da serie televisiva da que colle o seu nome.
Antes de que acabe o ano, chegarán os concertos tributo a Queen, Los Brincos e Los Secretos. E tamén os recitais de Amancio Prada, o 17 de novembro, e de Carlos Núñez, que volve un decembro máis –o día 23– ao Teatro Afundación.
Haberá, ademais, dous citas coa maxia. Trátase da Gran Gala Internacional Galicia Ilusiona, o 19 de outubro, e da oitava edición do Galicia Magic Fest, outro clásico do mes de decembro na cidade.
Unha parte relevante dos espectáculos programados son parte do programa «Cultura por alimentos», desenvolvida por Afundación en colaboración coa Federación Española de Bancos de Alimentos para recoller produtos non perecedoiros que se distribúen entre familias en risco de exclusión. Os alimentos poden deixarse nos caixóns dispostos ao efecto no Teatro Afundación.
Imaxes dispoñibles nesta ligazón.