
O Teatro Afundación de Vigo programa un espectáculo cada dous días durante o mes de novembro
Os enredos, as músicas e os aconteceres de Don Pasquale, a última gran ópera bufa italiana, inauguran este domingo 5 a programación de novembro do Teatro Afundacion de Vigo. Polo seu escenario pasarán 15 espectáculos durante todo o mes, dous deles en dobre data. Serán un total de 17 funcións. As entradas están dispoñibles en Ataquilla.com.
Ademais de ópera, haberá oferta de teatro para todos os públicos, jazz, monólogos ou concertos. Os días 23 e 24 comparece o «axitador folclórico» asturiano Rodrigo Cuevas. Estará no Teatro Afundación, coas entradas esgotadas, un mes despois de recoller o Premio Nacional das Músicas Actuais 2023 para presentar a súa nova xira: La Romería.
Os monólogos de humor chegarán neste mes da man de La Bromerie Live Show e de Touriñán e David Perdomo. Mentres, dous espectáculos para todos os públicos levarán ata o Teatro Afundación a maxia ou as acrobacias.
MÚSICAS DOS SÉCULOS XIX, XX e XXI
O Don Pasquale deste 5 de novembro será unha cita coa ópera cunha fonda pegada sonora viguesa: o Coro Rías Baixas e a Orquestra Vigo430 forman parte do elenco.
A programación musical continuará o martes 14 co ciclo Musicav, de Afundación. Chega en concerto o Abe Rábade Trío. Un día despois, o público do Teatro Afundación de Vigo poderá vivir unha inmersión musical nos sons creados polos compositores do Romanticismo. Catro intérpretes de traxectorias emerxentes e cosolidadas, dúas delas galegas, tocarán algunhas das pezas especiais daquela época en La Música Apasionada. El Romanticismo musical Vigo. E o día 22 de novembro retornará a Real Filharmonía de Galicia coa estrea absoluta da obra Schattenhaft de Hugo Gómez-Chao, baixo a dirección de Baldur Brönnimann.
As sonoridades actuais sumaranse á programación co pop-rock de Nena Daconte -día 18-. A creadora de temas coma «Tenía tanto que darte» presentará o seu novo disco, Casi Perfecto. O concerto forma parte dos Momentos Alhambra Acustiquísimos 2023.
DE RODRIGO CUEVAS AO BLUES E Á MÚSICA DE CINE
O xoves 23 e o venres 24 de novembro, en dobre sesión, será tempo de Rodrigo Cuevas e a súa xira La Romería. Nesta nova proposta de concertos, Cuevas crea «un espazo propicio para a celebración e a comuñón, un lugar para sentirse libre de prexuízos, para vencer a soberanos e amantes, libertinos e ben no sentido máis amplo da palabra ben».
O concerto tributo a The great songs of Dire Straits a cargo da banda Great Straits do domingo 26 dará paso a dúas novas citas co ciclo Músicav. O día 28 será a quenda da proposta jazz do Blue Summit Quintet Vigo. Xa o día 30, a Orquestra Vigo430 e a pianista ucrania Anastasiia Frasyniuk achegarán ao público do Teatro unha escolma dalgunhas das máis interesantes músicas de cine baixo a dirección de Luke Corradine.
VOCES DO TEATRO
La Bromerie Live Show xuntará sobre o escenario do Teatro Afundación, o vindeiro venres 10 de novembro, aos monologuistas Galder Varas, David Puerto e Taka Gómez. As entradas están practicamente esgotadas.
Os monólogos volverán ao escenario do Teatro Afundación na noite do sábado 19 da man de dous dos grandes do monólogo en Galicia: Touriñán e David Perdomo. Ambos os humoristas recuperan no seu espectáculo, Corentena, diferentes personaxes que crearon para as sesións online que fixeron para o seu público, e de forma conxunta, durante o confinamento de 2020.
A programación teatral para adultos do Teatro Afundación de Vigo no mes de novembro complétaa a comedia No me toques el cuento. No espectáculo, as princesas dos contos de toda a vida rebélanse contra a maneira na que se contaron as súas historias. Esixen que se conte a outra cara do conto. E o martes 21 de novembro estará en escea Un Oscar para Óscar, dentro da Tempada de Teatro, baixo a dirección de Mario Hernández e cun elenco formado por Jon Plazaola, Agustín Jiménez, Rebeca Sala e Mara Guil.
PARA TODOS OS PÚBLICOS
«Unha persoa do público farase invisible cada día». Esa é unha das propostas que traerá ao Teatro Afundación o ilusionista Jorge Blass en dobre sesión para todos os públicos de sábado e domingo. Será os días 11 e 12. En Flipar, a maxia adianta á tecnoloxía e Blass fai vivir a todo o público, pequenos e maiores, experiencias únicas e sorprendentes.
Cinco días despois, e da man de Víctor Ortiz, ex integrante do Cirque du Soleil, volven a fantasía e o espectáculo para todas as edades. No seu espectáculo Pensando en Wilbur, Ortiz mestura espectaculares acrobacias con humor e risco. Será na tarde do venres 17.
Imaxes dispoñibles nesta ligazón