Afundación presenta a súa programación de cursos de cociña 2018-2019 para a súa sede de Vigo
Afundación, a Obra Social de ABANCA, presenta a súa programación de cursos de cociña para a tempada 2018-2019 na súa sede de Vigo (Policarpo Sanz, 24-26). Impartiranse un total de 21 talleres dirixidos a nenos, nenas e adultos, tamén en formato interxeracional para que os máis pequenos aprendan e gocen da cociña xunto aos seus pais, nais, avós ou avoas. Todos os cursos serán impartidos por «A cociña de Monse» e as inscricións poderanse realizar na web Ataquilla.com.
CURSOS DE COCIÑA PARA ADULTOS
Entre os meses de outubro e maio impartirase o programa de cursos para adultos, quen poderán escoller entre 16 propostas diferentes. Terán a posibilidade de achegarse á gastronomía típica doutros países con «Pratos mexicanos» no mes de outubro, «Ándale México» en febreiro e «Texturas, aromas e sabores italianos» en marzo, e aprenderán novas formas de tratar produtos como as verduras en «O verde segue sendo o rei», en outubro, e «Goza coas verduras de tempada» no mes de marzo; o arroz e a pasta con «Arroz e pasta, paso a paso» en outubro, e «Arroz e ensaladas con maiúsculas!» en maio; e os produtos frescos en «Do mercado á cazola» no mes de febreiro. Tamén aprenderán a elaborar diferentes tipos de masas no taller «Experimentando coas masas» e achegaranse á cociña de fusión en «Salgado, doce e agridoce», ambos os dous cursos no mes de abril.
Durante a época do Nadal os asistentes aprenderán a elaborar innovadoras receitas para celebrar as festas nos cursos «Adiántate ás festas» en novembro, «Receitas gourmet para Nadal», «Taller de chocolate en 3D», e «Gastronomía de festas», todos eles en decembro. E a medida que se achegue o verán, coñecerán receitas máis adecuadas para a época estival coas propostas «Pratos frescos para noites de verán» e «Receitas para o estío».
E para os que desexen comezar a adestrar as súas destrezas culinarias, celebraranse catro cursos de «Cociña para principiantes», dous de nivel I en outubro e febreiro e outros dous de nivel II en outubro e marzo.
PROGRAMACIÓN PARA OS PEQUECHEFS
Os nenos e nenas de entre 7 e 14 anos poderán participar en tres propostas de temática do Nadal durante os meses de decembro e xaneiro. No curso «Os pequechefs e o abeto-piñata de Nadal» cociñarán e decorarán un abeto do Nadal, e nos talleres «Os pequechefs de Nadal» e «Os pequechefs de Reis», que se impartirán en quendas de mañá e tarde, aprenderán a elaborar receitas ideais para esta época.
CURSOS INTERXERACIONAIS
Fomentar a cociña familiar, animar aos máis pequenos a estimular a curiosidade natural, satisfacer os seus sentidos e explorar unha nova parte da vida a través da cociña son os obxectivos desta proposta de cociña en equipo na que poderán participar nenos e nenas de entre 7 e 14 anos acompañados polos seus pais, nais, avós ou avoas. Os talleres que se impartirán neste formato serán «Cociña & family», nos meses de outubro e febreiro, e «Cociña co teu mellor pinche» en novembro e abril.