
O Xapón, Islandia e Uzbekistán, entre os destinos do programa de viaxes de ocio e cultura de Afundación para maiores de 55 anos
Afundación, a Obra Social de ABANCA, presenta o seu programa de viaxes de ocio e cultura para persoas maiores de 55 anos para este ano 2025. A oferta abarca desde destinos nacionais, como Málaga ou Navarra, ata internacionais entre os que destacan O Xapón, Islandia, Uzbekistán ou Turquía. O prazo de solicitude de inscricións para as viaxes que terán lugar antes de agosto abrirase o vindeiro luns 10 de febreiro ás 10.00 h. Para aqueles que terán lugar despois do mes de agosto, o prazo abrirase o luns 17 de febreiro, tamén ás 10.00 h.
Todas as viaxes inclúen o desprazamento desde os Espazos +60 ata o aeroporto, ida e volta; voos con taxas incluídas, hoteis de tres e catro estrelas con pensión completa, guía acompañante e guía local, con audioguías individuais para as visitas, e seguro de viaxe e cancelación.
A Obra Social de ABANCA comezou a incluír as viaxes na súa programación de actividades no 2016. Ademais do turismo e do coñecemento de destinos de interese en todo o mundo, as viaxes están pensadas para apoiar a dinamización das relacións entre participantes. Dous membros do equipo de Afundación acompañan ás persoas viaxeiras en cada destino.
Desde Málaga ata un cruceiro polo Danubio
No 2025, o programa de destinos peninsulares inclúe unha saída a Málaga do 29 de marzo ao 3 de abril; unha visita a Lisboa do 5 ao 10 de maio e outra a Navarra do 18 ao 23 de xuño.
En canto aos destinos internacionais, o primeiro será a Budapest do 8 ao 12 de abril (destino sen todo incluído). A Puglia será o seguinte cunha estancia do 29 de abril ao 6 de maio. O programa continúa cunha viaxe a Islandia, do 4 ao 12 de xuño; a París, do 6 ao 10 de xullo (destino sen todo incluído); e outro a Istambul e a Capadocia do 15 ao 22 de setembro.
O Xapón será o seguinte destino, do 23 ao 2 de novembro, seguido por Uzbekistán, do 5 ao 13 do mesmo mes.
Pecha a programación deste ano un cruceiro polo Danubio do 1 ao 10 de decembro.
Toda a información sobre o programa de viaxes da área de Maiores da Obra Social de ABANCA está dispoñible na web.
Entidade de referencia no traballo en envellecemento activo
Os programas grupais da Área de Maiores de Afundación fomentan a socialización, a aprendizaxe ao longo da vida, o benestar, o desenvolvemento persoal e o aproveitamento da experiencia vital e profesional das persoas maiores a través de proxectos interxeracionais e de voluntariado.
Toda esta proposta programática impúlsase desde os once Espazos +60 cos que a Obra Social de ABANCA conta en toda Galicia. Con vocación inclusiva e innovadora, deséñase poñendo no centro as persoas maiores, codiseñando con elas as propostas nas que participan, para contribuír a erradicar o idadismo, seguir avanzando cara a unha sociedade libre de estereotipos cara ás persoas maiores e poñer en valor as súas experiencias a través de iniciativas colaborativas e formativas.
A programación céntrase en tres ramas principais: a aprendizaxe permanente, a promoción da saúde física, emocional e relacional, e a contribución social a través do voluntariado.