Case mil estudantes asistiron cos seus centros educativos a 8 concertos de música clásica programados Teatro Afundación de Vigo
Na primeira metade da tempada de abono de música clásica do Teatro Afundación, máis de 125 dos asistentes a cada concerto eran alumnas, alumnos e profesorado de centros educativos de Vigo e a súa área de influencia. Puideron desfrutar de instrumentos musicais tan diferentes coma o sheng chinés, da música coral, da excelencia da intérprete Judith Jáuregui ao piano ou da viola de Joaquín Riquelme. O programa «Quedamos no palco, quedamos coa clásica», promovido por Afundación en colaboración con la Sociedad Filarmónica de Vigo, ten o obxectivo de achegar a música clásica á xente máis nova. Alumnado de ESO, bacharelato, dos ciclos formativos e do Conservatorio Superior de Música, asisten aos concertos que programa en Vigo a Obra Social de ABANCA cos seus centros escolares. Entre os meses de outubro e novembro, os estudantes volverán a sumarse aos concertos do Orfeón Terra A Nosa, a Real Filharmonía (RFG) e a Sinfónica de Galicia (OSG).
A demanda dos centros escolares para asistir ás sesións musicais co programa «Quedamos no palco, quedamos coa clásica» incrementouse especialmente este ano. Só no primeiro semestre, participaron 66 centros, 940 alumnos e 64 docentes. O programa está coordinado pola Área Educativa de Afundación, o departamento que tamén traballa da man do centros de ensino para achegar aos escolares ás exposicións de arte que organiza a Obra Social de ABANCA, ou actividades relacionadas con outras disciplinas artísticas coma o cinema ou o teatro, por exemplo. Consolidar os públicos existentes para as artes, e chegar a outros novos, é un dos obxectivos de Afundación.
Tres concertos
Co regreso dos concertos da tempada de abono no outono, reiníciase a actividade de «Quedamos no palco, quedamos coa clásica» logo da pausa que supón o verán.
Os estudantes poderán asistir a tres concertos. No primeiro deles, o da Sinfónica de Galicia (OSG), escoitarán pezas de Johannes Brahms e Beethoven. Levará a batuta a directora Anja Bihlmaier (Alemaña, 1978). O violinista armenio Serguei Khachatryan (1985) acompañará á OSG coma solista.
Xa o 8 de novembro, as alumnas e os alumnos poderán asistir á estrea absoluta dunha peza de música clásica. A Real Filharmnonía de Galicia, liderada polo seu director titular, Baldur Brönnimann, estreará a obra Ceci n’est pas une valse, da compositora barcelonesa Raquel García-Tomás (1984). A Sinfonía núm. 4 en mi bemol maior «Romántica» de Anton Bruckner completa o programa do concerto.
Na última das sesións, a do 9 de decembro, ofréceselle aos estudantes un achegamento á música coral. O Orfeón Terra A Nosa preséntase cun repertorio con temas do coruñés Marcial del Adalid e tamén de Bruckner.
O programa «Quedamos no palco, quedamos coa clásica» forma parte da iniciativa «Cultura por Alimentos», polo que a asistencia é de balde, mais poden colaborar co programa doando alimentos non perecedoiros.