
UIE inicia o seu primeiro curso académico cun acto de benvida en Santiago, a súa sede institucional
A Universidad Intercontinental de la Empresa (UIE) iniciará mañá o curso académico 2022-2023 nos seus campus da Coruña e Vigo. Os estudantes de grao que cursarán estudos neste primeiro ano de implantación participaron hoxe nun encontro, en Santiago de Compostela, sede institucional da nova universidade. Un acto participativo e con dinámicas interactivas, seguindo o modelo de UIE, no que estiveron presentes o reitor, Miguel Ángel Escotet; a coordinadora xeral de desenvolvemento académico, profesora Bettina Chechia; a coordinadora xeral de desenvolvemento corporativo, Ana Vázquez; e os decanos e profesores da Facultade de Administración de Empresas e Dereito, Álvaro Gómez e Enxeñería e Tecnoloxía Empresarial, Eladio Dapena. Tamén asistiron en representación do Consello Reitor, o secretario xeral e o vicesecretario, Pedro Otero e José Luis Vilanova, respectivamente.
O reitor, Miguel Ángel Escotet, quen saudou persoalmente a cada un dos estudantes, subliñou no inicio deste primeiro ano de implantación, a misión de UIE como «unha universidade para a innovación, que permita unha vigorosa capacidade de creación, investigación e cambio; unha universidade para o ser humano, centrada nas persoas, que educa para o talento e o talante, fortalecendo o pensamento crítico, a creatividade, a transformación, a adaptación ao cambio permanente e a anticipación ao futuro, vitais neste momento histórico de cambio de paradigma. O noso primeiro compromiso é co estudante e o seu desenvolvemento integral como persoa e como profesional».
No seu primeiro ano de creación, UIE arrinca con catro graos, que se impartirán simultaneamente nos seus campus da Coruña e Vigo: Enxeñería en Sistemas Intelixentes, Administración de Negocios Dixitais, Administración e Dirección de Empresas, e Enxeñería da Empresa, que se incorpora como novidade no sistema universitario español. Impartirá tamén dous másteres universitarios: Tecnoloxía e Intelixencia de Datos empresariais e Dirección e Administración de Empresas, cuxo inicio está programado para o 26 de setembro. A eles hai que agregar os diferentes títulos propios de posgrao e de Executive Education, de educación continua e InCompany. De acordo á prescrición legal, incorporará progresivamente en cursos sucesivos, unha nova facultade e titulacións de grao, posgrao e doutoramento, tal e como recolle o seu proxecto global de implantación, cun innovador modelo académico e de ensino-aprendizaxe que combina os sistemas de educación superior europeo (Bolonia) e anglosaxón.
UIE inicia o seu camiño educativo como unha universidade de vangarda, privada e de servizo público, sen ánimo de lucro e comprometida co desenvolvemento sostible da sociedade, da cultura e da economía galega. Ademais, desde unha orientación á innovación e desenvolvemento tecnolóxico, contará cun International Business Council, e un Comité Asesor Empresarial Nacional. Co valor da experiencia de máis de tres décadas de educación executiva e, como unha das primeiras universidades a nivel internacional especializada na empresa, UIE desenvolverá unha estreita colaboración co sector empresarial como parte do proceso educativo. Así mesmo, implantará un prácticum único no sistema universitario español que incorporará un amplo abano de actividades extracurriculares e de aprendizaxe-servizo, con proxectos de servizo comunitario para que os estudantes experimenten o valor da súa contribución persoal a un modelo de sociedade máis sostible.
Como un proxecto estratéxico de responsabilidade social corporativa e institucional de ABANCA e Afundación, financiada exclusivamente cos seus propios recursos, os rendementos de UIE reinvestiranse completamente na institución. Así mesmo, UIE destinará a bolsas ata o 15 % dos seus ingresos anuais, dando prioridade a persoas con talento que teñan un baixo nivel de renda.
UNHA UNIVERSIDADE COMPROMETIDA COA SOCIEDADE
UIE presenta un modelo de ensino-aprendizaxe centrado no estudante, flexible e personalizado, cunha ratio reducida de estudantes por aula que permita desenvolver unha titoría e mentorización permanentes. O seu claustro de profesores integra académicos e profesionais en activo que desenvolven os contidos sobre a súa propia experiencia, garantindo a súa aplicabilidade á realidade das organizacións. O claustro vese reforzado cun programa de profesores visitantes nacionais e internacionais de prestixio, orientados á investigación, a docencia e a responsabilidade social.
A internacionalización é un dos seus principios fundacionais. UIE proporcionará ao estudante unha experiencia internacional, bilingüe e multicultural, dentro e fóra da institución. Nos plans de estudos de todos os graos está prevista a mobilidade dos estudantes, ampliando e fortalecendo os convenios con universidades de prestixio, en liña coas xa existentes.
O modelo será flexible e personalizado, con mobilidade entre titulacións, posibilidade de cursar libremente algunhas materias noutros graos de UIE ou doutras institucións recoñecidas, nacionais ou internacionais, ou a implantación dun semestre extraordinario intensivo no verán de carácter opcional para que os estudantes adianten ou recuperen materias e desenvolvan prácticas de educación-traballo. Así mesmo, ao finalizar o primeiro ano académico, os estudantes poderán cambiar de titulación sen prexuízo dos créditos cursados, que serán recoñecidos na titulación de destino. Por outra banda, o sistema de créditos compatibiliza o sistema europeo Bolonia co sistema estadounidense, asiático e anglosaxón.