
Nace o selo editorial UIE Ediciones da Universidad Intercontinental de la Empresa
A Universidad Intercontinental de la Empresa, UIE, inaugura o novo selo editorial da primeira universidade privada de Galicia, UIE Ediciones co libro El reto de la banca en la economía digital: Un desafío organizativo y evolutivo.
UIE Ediciones é o selo editorial da Universidad Intercontinental de la Empresa (UIE), cuxo propósito é achegar á comunidade científica, académica e empresarial, nacional e internacional, obras de ensaio académico e investigación nos ámbitos da economía, a globalización, a empresa, as novas tecnoloxías, o capital humano, a responsabilidade social empresarial, a sostibilidade e áreas afíns. O reitor da UIE, Miguel Ángel Escotet, destaca como se asume, así, o reto de «publicar obras xeradas desde o compromiso coa sociedade, a investigación, o desenvolvemento e a innovación. Estudos capaces de promover novas estratexias e actuacións creativas en todo o espectro da empresa, o emprendemento e as novas tecnoloxías. UIE Ediciones terá os seus títulos á disposición dos lectores, ademais de nas librerías españolas, na plataforma Amazon, tanto na versión dixital coma no formato en papel, de tal maneira que calquera persoa interesada, en calquera punto do mundo, poida ter acceso aos nosos libros de maneira inmediata».
Nun contexto de transformación permanente, asúmese como parte do cometido da primeira institución de educación superior privada de Galicia o de publicar obras xeradas desde o compromiso coa sociedade, a investigación, o desenvolvemento e a innovación, capaces de promover novas estratexias e actuacións creativas en todo o espectro da empresa, a industria e os servizos. Deste modo «na Universidad Intercontinental de la Empresa, UIE, estamos comprometidos coa formación integral do estudante tanto na esfera académica como no ámbito individual e social, no sentido de que son integrantes dunha sociedade e dun contorno e tempo determinados. Educamos alén da universidade e, neste sentido, abordamos o cambio e a incerteza preparándoos para un contexto de transformación vertixinosa e constante», apunta Miguel Ángel Escotet.
O selo UIE Ediciones aséntase no xermolo da publicación Después de la pandemia: Reflexiones y desafíos para Galicia (2021), unha rigorosa análise múltiple, en edición bilingüe español-inglés, sobre o impacto económico da covid-19 na que 11 figuras relevantes dos ámbitos empresarial, académico e de investigación, abordaban desde as súas distintas ópticas, propostas para o novo contexto desde unha perspectiva global, nacional e con especial foco en Galicia.
El reto de la banca en la economía digital: Un desafío organizativo y evolutivo
A obra inaugural de UIE Ediciones aborda as transformacións que debe levar a cabo a banca tradicional no contorno actual, de forma que poida competir cos novos e disruptivos operadores dixitais. Este libro presentarase publicamente na sede herculina de Afundación o próximo 9 de xuño. Coordinada por Eduardo Bueno Campos e Manuel Rodríguez López, conta coas contribucións dos profesores Julio Fernández Vilas, Mónica Longo Somozas, Carlos Merino Moreno, Patricio Morcillo Ortega, Cecilia Murcia Rivera e M.ª Paz Salmador Sánchez.
Ao longo da historia, o sector financeiro, como parte fundamental do sistema, viuse obrigado a responder e adaptarse aos constantes cambios socioeconómicos, á innovación e aos requisitos regulatorios. En palabras do reitor da UIE, Miguel Ángel Escotet, «afrontamos claramente un cambio de paradigma definido pola velocidade, o alcance, a profundidade e o impacto nos sistemas. Este xiro trae canda el unha tendencia á automatización total da manufactura que corre por conta de sistemas ciber físicos, feitos posibles pola internet das cousas e o cloud computing ou nube. O que veremos, din os teóricos, é unha gran fábrica verdadeiramente intelixente». Por tanto, é necesaria unha resposta sistémica, decidida e vangardista, que alcance todas as áreas.
Así mesmo, resulta fundamental unha cultura corporativa de innovación capaz de adaptarse ás necesidades do cliente e ás esixencias do mercado. Unha visión clientecéntrica, que posibilite unha áxil toma de decisións e un uso intensivo de novas tecnoloxías punteiras, como a intelixencia artificial e o big data. En consonancia coa apreciación do reitor da UIE: «Non cabe dúbida de que este estudo académico integra nun único tomo aqueles aspectos necesarios para analizar o contexto bancario actual tendo en conta a tradición, a historia e a evolución do sector bancario coa mirada posta nas tendencias e necesidades que están por chegar. E é nesta prospectiva e nesta análise evolutiva tan completa onde radican o seu diferencial e o seu valor».