
Presentación do primeiro libro de UIE Ediciones, El reto de la banca en la economía digital
08.06.2022. A Universidad Intercontinental de la Empresa, UIE, inaugura o novo selo editorial da primeira universidade privada de Galicia, UIE Ediciones co libro El reto de la banca en la economía digital: Un desafío organizativo y evolutivo, que se presentará mañá, xoves 9 de xuño ás 19.00 h na Sede Afundación A Coruña no marco dunha mesa redonda arredor desta mesma cuestión. Neste encontro estarán Eduardo Bueno Campos e Manuel Rodríguez López, coordinadores do estudo, e mais o director xeral de IT, Información, Procesos e Operacións de ABANCA, José Manuel Valiño Blanco.
El reto de la banca en la economía digital: Un desafío organizativo y evolutivo
A obra inaugural de UIE Ediciones aborda as transformacións que debe levar a cabo a banca tradicional no contorno actual, de forma que poida competir cos novos e disruptivos operadores dixitais. Coordinada por Eduardo Bueno Campos e Manuel Rodríguez López, conta coas contribucións dos profesores Julio Fernández Vilas, Mónica Longo Somozas, Carlos Merino Moreno, Patricio Morcillo Ortega, Cecilia Murcia Rivera e M.ª Paz Salmador Sánchez.
Ao longo da historia, o sector financeiro, como parte fundamental do sistema, viuse obrigado a responder e adaptarse aos constantes cambios socioeconómicos, á innovación e aos requisitos regulatorios. En palabras do reitor da UIE, Miguel Ángel Escotet, «afrontamos claramente un cambio de paradigma definido pola velocidade, o alcance, a profundidade e o impacto nos sistemas. Este xiro trae canda el unha tendencia á automatización total da manufactura que corre por conta de sistemas ciber físicos, feitos posibles pola internet das cousas e o cloud computing ou nube. O que veremos, din os teóricos, é unha gran fábrica verdadeiramente intelixente». Por tanto, é necesaria unha resposta sistémica, decidida e vangardista, que alcance todas as áreas.
Así mesmo, resulta fundamental unha cultura corporativa de innovación capaz de adaptarse ás necesidades do cliente e ás esixencias do mercado. Unha visión clientecéntrica, que posibilite unha áxil toma de decisións e un uso intensivo de novas tecnoloxías punteiras, como a intelixencia artificial e o big data. En consonancia coa apreciación do reitor da UIE: «Non cabe dúbida de que este estudo académico integra nun único tomo aqueles aspectos necesarios para analizar o contexto bancario actual tendo en conta a tradición, a historia e a evolución do sector bancario coa mirada posta nas tendencias e necesidades que están por chegar. E é nesta prospectiva e nesta análise evolutiva tan completa onde radican o seu diferencial e o seu valor».
UIE Ediciones é o selo editorial da Universidad Intercontinental de la Empresa (UIE), cuxo propósito é achegar á comunidade científica, académica e empresarial, nacional e internacional, obras de ensaio académico e investigación nos ámbitos da economía, a globalización, a empresa, as novas tecnoloxías, o capital humano, a responsabilidade social empresarial, a sostibilidade e áreas afíns. O reitor da UIE, Miguel Ángel Escotet, destaca como se asume, así, o reto de «publicar obras xeradas desde o compromiso coa sociedade, a investigación, o desenvolvemento e a innovación. Estudos capaces de promover novas estratexias e actuacións creativas en todo o espectro da empresa, o emprendemento e as novas tecnoloxías. UIE Ediciones terá os seus títulos á disposición dos lectores, ademais de nas librerías españolas, na plataforma Amazon, tanto na versión dixital coma no formato en papel, de tal maneira que calquera persoa interesada, en calquera punto do mundo, poida ter acceso aos nosos libros de maneira inmediata».
Toda a información da actividade de Afundación, na nosa SALA DE PRENSA.