Presentación do libro Historia de la zarzuela en viñetas con Amigos de la Ópera de A Coruña e «Cultura por Alimentos»
Afundación, a Obra Social de ABANCA, dentro do seu programa solidario «Cultura por Alimentos», acolle na Coruña unha nova actividade paralela da Tempada Lírica organizada por Amigos da Ópera. O profesor e artista Manuel Rajal presentará o seu libro Historia de la zarzuela en viñetas mañá xoves 24 de outubro, ás 19.00 h, na Sede Afundación da Coruña.
Manuel Rajal adícase á docencia, mais sempre estivo vinculado ao mundo artístico tanto no eido musical coma nas artes plásticas. A súa actividade repártese entre a pintura e a ilustración, ademais de cultivar a fotografía ou o humor gráfico, traballo co que obtivo diferentes galardóns. De formación autodidacta, desde a súa primeira exposición pictórica a súa obra incide no tratamento do acrílico, ténicas mixtas e debuxo clásico. Ten ilustrado libros de carácter pedagóxico, narrativa... e colaborou con editoriais. Tamén é o creador dunha metodoloxía pioneira para a aplicación do cómic na aula.
Esta actividade enmárcase na iniciativa solidaria «Cultura por Alimentos» que Afundación leva a cabo en colaboración con FESBAL (Federación Española de Banco de Alimentos) e que ten como finalidade promover a doazón de alimentos de primeira necesidade aos bancos de alimentos locais. A entidade convida os asistentes a colaborar con esta iniciativa a través da doazón de alimentos non perecedoiros ao acudir á actividade.