Afundación premiada pola revista Actualidad Económica polo seu labor en favor do envellecemento activo
Afundación foi recoñecida pola revista Actualidad Económica co primeiro premio na categoría de Acción Social nos seus Premios Obra Social y Educación Financiera. O galardón foi outorgado polo traballo que a entidade desenvolve en favor do envellecemento activo nos seus once Espazos +60 situados por toda Galicia.
O envellecemento activo é un dos tres eixos de actuación fundamentais de Afundación, consciente do proceso de envellecemento demográfico no que Galicia está inmersa, que nos vindeiros anos significará un incremento do número de persoas maiores e do seu peso relativo.
Todas as accións da entidade nesta área están dirixidas a dar visibilidade á importancia de manter un lecer activo e relacional e uns hábitos de vida saudables sen esquecer a implicación en cuestións culturais, artísticas e de actualidade, tendo sempre presente as achegas de gran valor que o colectivo dos maiores trasladan á sociedade. Así mesmo, Afundación desenvolve durante todo o ano diversas campañas para contribuír a construír unha imaxe social das persoas maiores real e afastada de estereotipos, que reflicta a heteroxeneidade do colectivo e as súas achegas á sociedade.
Os Premios Obra Social y Educación Financiera da revista Actualidad Económica tamén recoñeceron o programa de educación financeira, organizado por ABANCA coa colaboración de Afundación, co primeiro premio na súa categoría correspondente.