
Portonovo, libre de máis de dúas toneladas de lixo mariño tras unha nova xornada de limpeza organizada por Afundación
Representantes da Confraría de Pescadores de Portonovo e do Club Náutico desta localidade, da Federación Galega de Actividades Subacuáticas, de Portos de Galicia, de Protección Civil, do Concello de Sanxenxo e de Afundación sumaron esforzos este xoves para levar a cabo una nova xornada de voluntariado medioambiental dedicada á retirada de lixo mariño nos fondos do Porto de Portonovo.
Convocados no marco do programa de voluntariado Actúa da Obra Social de ABANCA, as 30 persoas participantes –doce delas buzos– repartíronse nos distintos pantaláns do porto e os mergulladores da Confraría de Pescadores comezaron as inmersións ás 10 da mañá.
En catro horas de traballo conseguiron retirar máis de 2300 quilos de lixo mariño, fundamentalmente aparellos extraviados durante o exercicio da pesca, como redes, nasas, áncoras, cadeas de ferro, boias, cordas e cabos ou pneumáticos empregados como defensa de embarcacións. As persoas voluntarias retiraron tamén distintos residuos de orixe continental como botellas e envases de vidro e diversos obxectos plásticos de distintos tamaños. Nas tarefas de recollida encontraron, así mesmo, numerosas latas de refrescos, un contedor de lixo, dúas baterías de barcos, unha pala, un cubo ou unha cunca de café co seu prato.
Esta é a segunda actuación realizada en zonas portuarias deste concello. A anterior fíxose no Porto de Sanxenxo, logrando retirar máis de 1200 quilos de lixo mariño. Nas xornadas de limpeza realizadas nestes tres primeiros meses de 2024, as persoas voluntarias participantes lograron recoller xa máis de 12 toneladas de lixo mariño no marco do proxecto PLANCTON. Unha iniciativa que está xa no seu terceiro ano e que permitiu retirar xa máis de 64 toneladas de residuos das praias e costas de Galicia.
O Plan de Conservación Territorial-ON pretende, desde unha perspectiva multidisciplinar, fomentar a conservación e a sostibilidade das actividades realizadas no mar, especialmente na área de influencia das Zonas de Especial Protección para as Aves (ZEPA) de ámbito mariño de Galicia e Rede Natura 2000, tratando de inculcar unha conciencia sostible en todos os sectores sociais. Así mesmo, a través desta e tamén doutras iniciativas culturais e formativas, o obxectivo da Obra Social de ABANCA é promover na sociedade xeitos de actuar responsables que permitan manter os recursos sen comprometelos para as xeracións futuras.
PLANCTON, galardoado co Primeiro Premio Nacional de Medio Ambiente nos Premios de CECA e cun Premio Especial na última edición dos Premios Economía Azul da Xunta de Galicia, nace do compromiso de ABANCA e Afundación cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, de xeito especial cos ODS-13 Acción polo clima, ODS-14 Vida submarina e ODS-17 Alianzas para lograr obxectivos.
As imaxes da limpeza de hoxe están dispoñibles nesta ligazón.
Máis información sobre PLANCTON, aquí.