Afundación leva a Santiago o seu innovador proxecto educativo, cultural e de sostibilidade «Plantando árbores con pinceis»
Afundación, a Obra Social de ABANCA, levou hoxe ao IES Arcebispo Xelmírez II de Santiago de Compostela o seu programa «Plantando árbores con pinceis». Máis de 100 estudantes do centro elaboraron durante a mañá un mural colaborativo ecolóxico con pinturas fotocatalíticas, que absorben e depuran os contaminantes que hai no aire, tales como o óxido de nitróxeno e outros gases xerados pola industria e o tráfico rodado. Con esta iniciativa, Afundación combina nun mesmo proxecto sustentabilidade, cultura e formación, incidindo no coidado imprescindible do medio ambiente para garantir un mundo acorde aos principios que guían os ODS 2030.
O artista David Brey Vázquez, de Vella Escola, foi o encargado de dirixir a creación da obra nun dos muros exteriores do centro educativo. O proxecto consiste en coordinar ao estudantado participante para pintar un mural, con temáticas relacionadas coa reforestación, na parede que designe o centro escolar. A actividade complétase con talleres de pintado de bolsas de tea nos que se traballa tamén a temática ambiental desde un enfoque participativo, o que facilita a toma de conciencia sobre a importancia de coidar da natureza.
«Plantando árbores con pinceis» púxose en marcha en 2021 dentro das propostas que a área Educativa de Afundación ofrece ao longo do curso académico. Desde entón, para cando finalice este curso escolar 2023-2024, preto de 15000 escolares e profesores pintarían máis de 150 murais en centros educativos de toda Galicia.