
Afundación e o Materno Infantil Teresa Herrera da Coruña promoven a sostibilidade coa participación de nenas e nenos
Afundación, a Obra Social de ABANCA, organizou este sábado, en colaboración co Hospital Materno Infantil Teresa Herrera da Coruña, unha actividade enmarcada no seu proxecto educativo e de sustentabilidade «Plantando árbores con pinceis». 25 nenas e nenos da aula escolar do centro sanitario, ingresados ou en tratamento no hospital, decoraron cun mural un dos patios interiores da planta baixa do hospital utilizando pinturas fotocatalíticas que permiten absorber os gases contaminantes, gozando así dunha xornada lúdica, creativa e sostible.
«Plantando árbores con pinceis» é un proxecto educativo innovador que combina a sostibilidade, a cultura e a educación en valores, no que se incide no imprescindible coidado do medio ambiente para garantir un mundo acorde cos principios que guían os ODS 2030. No Hospital Materno Infantil Teresa Herrera, os participantes na actividade crearon un mural con pinturas fotocatalíticas, guiados pola artista Rakele Cavallo, con motivos relacionados coa natureza, inspirados nos gustos das nenas e nenos participantes. A actividade complementouse con talleres de decoración de bolsas de tea nos que se traballou o contido ambiental desde un enfoque participativo, facilitando a toma de conciencia sobre a importancia de coidar a natureza.
«Aos obxectivos definidos para este proxecto – achegar unha mensaxe positiva sobre o coidado da contorna, propoñer alternativas de lecer que fomentan o respecto ao medio natural a través da arte, fomentar a creatividade e o traballo en equipo – súmase nesta ocasión o propósito de apoiar o coidado emocional dos nenos e nenas que se atopan hospitalizados así como dos futuros pacientes, xa que o atractivo do mural dotará ao hospital dun espazo máis humanizado, luminoso e optimista», subliña Paloma Vela, coordinadora adxunta da Área de Cultura de Afundación. Pola súa banda, desde o Hospital Teresa Herrera da Coruña, o Director Médico de atención hospitalaria Alejandro Ávila, destaca que esta iniciativa se enmarca dentro das actividades de humanización que organiza de forma periódica o centro hospitalario.
«Plantando árbores con pinceis», que se iniciou en 2021, chegou xa da man de Afundación a máis de 100 centros educativos, contando ata o de agora coa participación de 10.000 escolares. Con este proxecto de innovación escolar o alumnado aprende que o uso de pinturas fotocatalíticas é útil, dado a súa poder de absorción dos gases contaminantes derivados do tráfico e das industrias, fomentando a creación de espazos escolares ecoloxicamente máis depurados, e contando coa implicación das mozas e mozos do centro.
As imaxes da xornada están dispoñibles nesta ligazón