
Mergulladores convocados por Afundación retiran 1200 quilos de lixo mariño dos fondos do porto de Sanxenxo
Convocadas por Afundación, no seo do seu programa PLANCTON, preto de corenta persoas, entre mergulladores e persoal de terra, participaron hoxe nunha xornada de limpeza colaborativa de residuos nos fondos e peiraos do porto de Sanxenxo. En catro horas de traballo conseguiron retirar máis de 1200 quilos de lixo mariño, fundamentalmente aparellos extraviados durante o exercicio da pesca, como redes, nasas, áncoras, boias, mangueiras, cordas e cabos ou pneumáticos empregados como defensa de embarcacións. As persoas voluntarias retiraron tamén distintos residuos de orixe continental como botellas e envases de vidro e diversos obxectos plásticos de diversos tamaños. Nas tarefas de recollida encontraron así mesmo numerosos vasos de vidrio procedentes do ocio nocturno, unha valla de obra, un motor náutico, un carriño da compra, unha batería de coche, un foco, unha percha ou varios paraugas.
Tras as dúas limpezas de praias realizadas en diferentes enclaves do concello de Muros nas primeiras semanas do ano, a deste sábado é a primeira de fondos realizada en 2024 no marco do Plan de Conservación Territorial On que xa leva retiradas máis de 55 toneladas de lixo mariño dos fondos e costas de Galicia nestes tres últimos anos.
O proxecto PLANCTON, enmarcado na estratexia de sostibilidade de ABANCA e Afundación e das súas actividades de voluntariado ambiental, é un grande eixe vertebrador de distintos axentes, máis de 30, entre os que figuran entidades do sector pesqueiro, como as confrarías de pescadores e asociacións de mariscadoras, asociacións do terceiro sector, concellos, persoas socias dos espazos +60 de Afundación ou estudantes de distintas etapas educativas, alcanzando un grande impacto en sectores sociais diversos. Así, no operativo de limpeza de hoxe en Sanxenxo implicáronse novamente diversas entidades como a Confraría de Pescadores de Sanxenxo, o Porto, a sociedade municipal Nauta que xestiona o porto deportivo, Protección Civil, a Federación Galega de Actividades Subacuáticas, o Concello, o Real Club Náutico de Sanxenxo, Portos de Galicia e o voluntariado Actúa de Afundación.
O Plan de Conservación Territorial-ON pretende, desde unha perspectiva multidisciplinar, fomentar a conservación e a sostibilidade das actividades realizadas no mar, especialmente na área de influencia das Zonas de Especial Protección para as Aves (ZEPA) de ámbito mariño de Galicia e Rede Natura 2000, tratando de inculcar unha conciencia sostible en todos os sectores sociais. Así mesmo, a través desta e tamén doutras iniciativas culturais e formativas, o obxectivo da Obra Social de ABANCA é promover na sociedade xeitos de actuar responsables que permitan manter os recursos sen comprometelos para as xeracións futuras.
PLANCTON, galardoado co Primeiro Premio Nacional de Medio Ambiente nos Premios de CECA e cun Premio Especial na última edición dos Premios Economía Azul da Xunta de Galicia, nace do compromiso de ABANCA e Afundación cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostenible, de xeito especial cos ODS-13 Acción polo clima, ODS-14 Vida submariña e ODS-17 Alianzas para lograr obxectivos.
As imaxes da limpeza de hoxe están dispoñibles nesta ligazón
Máis información sobre PLANCTON, aquí.