Persoas voluntarias do programa PLANCTON de Afundación retiran en Ons 380 quilos de residuos e plantas invasoras
. Coincidindo coa celebración do Día Mundial do Medio, Afundación, a Obra Social de ABANCA, impulsou hoxe na Illa de Ons unha nova xornada de limpeza de lixos mariños e retirada de especies invasoras enmarcada dentro do programa PLANCTON, que se suma ás recentemente realizadas na Illa de Arousa e na illa de Cortegada, dentro tamén do Parque Nacional das Illas Atlánticas. Estas actividades pretenden, entre outros obxectivos, fomentar a conservación e a sustentabilidade das actividades socioeconómicas nas áreas de influencia das Zonas de Especial Protección de Aves Mariñas de Galicia (ZEPA) e outras da Rede Natura 2000.
Nesta ocasión as actividades de limpeza centráronse en distintos areais da illa de Ons, onde máis de 60 voluntarias e voluntarios conseguiron retirar máis de 52 quilos de residuos e 328 quilos da especie invasora Margarita del Cabo (Arctotheca caléndula), ao longo dunha mañá intensa de traballo de voluntariado ambiental.
A maioría dos residuos retirados na xornada de hoxe coinciden cos que figuran no « top ten» dos lixos mariños máis frecuentes atopadas nas praias do parque nacional, como son pequenos cabos, redes enmarañadas, cordas e cordeis, pequenas pezas de plástico non identificables, cabichas, escumas sintéticas, bastoncillos de limpar os oídos, envoltorios, tapas, tapóns, e os xa habituais tarugos de plástico procedentes das bateas, un tipo de residuo bastante específico das nosas praias.
A xornada de hoxe enmárcase no conxunto de limpezas contempladas no seo deste ambicioso plan de conservación territorial, cuxas próximas accións serán nos areais de Baldaio na Coruña e as augas da Ría de Arousa, onde levará a cabo unha nova limpeza de fondos na contorna do illote Guidoiro Areoso, tras o éxito da anterior limpeza na que persoas voluntarias conseguiron retirar máis dunha tonelada de residuos dos seus fondos. Desde o seu inicio no mes de abril retiráronse no marco do proxecto Plancton 2057 quilos de lixo mariño e plantas invasoras.
Completando todas estas actividades de limpeza, PLANCTON fomentará ao longo de todo este ano a posta en práctica de diferentes medidas relacionadas coa conservación das especies, a minimización de capturas accidentais de aves durante o exercicio da pesca e a implementación de prácticas sostibles nas actividades socioeconómicas relacionadas co sector do mar nas ZEPA e outros espazos da Rede Natura 2000, todo iso co fin de espertar unha conciencia sostible na sociedade, grazas a diversas actividades de sensibilización e formación sobre o valor intrínseco da biodiversidade e da súa conservación, que se verán complementadas con exposicións e outra serie de labores de divulgación.
As imaxes da xornada están dispoñibles na seguinte ligazón:
https://drive.google.com/drive/folders/1ne_XTssEkAPrajZpdgJJiSG2jHT3ASvH?usp=sharing