Persoas maiores protagonizan nos espazos +60 de Afundación unha acción colectiva contra o idadismo
Co obxectivo de «abrir a conversa sobre o idadismo», Afundación convidou as persoas socias dos 11 espazos +60 que ten nas catro provincias a «facer un xesto colectivo», coincidindo coa conmemoración do Día Internacional das Persoas Maiores, instituído pola ONU en 1990 e que se conmemora anualmente cada 1 de outubro.
Ao longo de toda a xornada en cada unha das actividades que se desenvolven nos espazos +60 da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago, Vigo, Ferrol, Betanzos, Monforte, Pontedeume e Viveiro, leuse un manifesto en defensa do lema «por unha sociedade libre de idadismo», no que se expresa a necesidade «dunha mirada que celebre a diversidade en todos os ámbitos, que constrúa un modelo de convivencia interxeracional unindo forzas, compartindo saberes e aprendendo xuntos e xuntas, proclamando que cada ano suma valor, non resta» e avógase «por unha sociedade para todas as idades e todas as persoas, construída en común».
Así mesmo, convidouse as persoas socias a compartir as súas reflexións escribindo en tarxetas unha resposta á pregunta «Que quero seguir facendo sen que a idade me free», onde se recolleron algunhas tan reveladoras como «se a vida é unha viaxe, non vou deixar que a idade se interpoña no meu camiño», «falar, escoitar e facer» «seguir aprendendo, compartindo e desfrutando» ou «ser independente e autónoma».
En palabras de Sabela Couceiro, coordinadora da Área de Maiores de Afundación, «esta iniciativa ten un carácter simbólico e de sensibilización xa que o coñecemento sobre o termo idadismo e as súas implicacións é aínda moi limitado e recente». Con esta acción trátase, ademais, «de abrir o camiño a programas máis profundos de cocreación, formación e transformación cultural que resultan imprescindibles para que as persoas maiores identifiquen as mensaxes e actitudes idadistas e os seus efectos e adquiran ferramentas para xestionalo, sendo axentes activos do cambio», engade.
Imaxes das accións de hoxe, dispoñibles AQUÍ
O IDADISMO
Segundo a OMS, a nivel mundial unha de cada dúas persoas ten actitudes idadistas cara ás persoas maiores e, en Europa, unha de cada tres persoas maiores afirma sufrir idadismo. Os estereotipos (como pensamos), os prexuízos (como sentimos) e a discriminación (como actuamos) respecto ás persoas en función da súa idade afectan a todas as idades, pero ten efectos especialmente prexudiciais sobre a saúde física, mental e o benestar das persoas maiores. E a situación agrávase cando se combina con outras formas de discriminación, como é o caso das mulleres maiores ou as persoas con discapacidade.
Cando estes estereotipos e prexuízos son interiorizados provocan idadismo autoinfrinxido que pode dar lugar a que as persoas maiores se sintan menos útiles ou capaces, ao seu illamento social e soidade, risco de abusos ou malos tratos ou perda de autonomía, entre outras consecuencias.
A Obra Social de ABANCA ten entre as súas prioridades desenvolver iniciativas que contribúan a sensibilizar, previr e reducir o idadismo e promover un cambio de discurso acerca da vellez e o envellecemento. Con estes fins creáronse os programas interxeracionais de notable impacto na comunidade educativa «Fálame da emigración» e «Falamos da escola» que desde hai 9 anos conectan a persoas maiores e estudantes de toda Galicia para dialogar sobre as súas experiencias. O proxecto proporciona un marco de aprendizaxe non formal que favorece a curiosidade, a empatía e a motivación do alumnado, á vez que contribúe a establecer vínculos entre os participantes.
A este programa consolidado súmanse durante todo o ano outras iniciativas con fins idénticos como a colaboración con HelpAge España para difundir a versión en galego da Guía para unha comunicación libre de idadismo cara ás persoas maiores ou as sucesivas accións vinculadas, como a celebrada hoxe, á conmemoración do Día Internacional das Persoas Maiores ou do Día Europeo da Solidariedade Interxeracional.