
O Padroado de Afundación aproba o seu plan estratéxico para os próximos cinco anos
O Padroado da Fundación Galicia Obra Social (Afundación) aprobou hoxe, sen ningún voto en contra, o seu plan estratéxico para o período 2015-2019. A sesión, celebrada esta mañá na Sede de Afundación na Coruña, contou coa representación das institucións que integran o órgano de goberno da entidade: ABANCA, o Parlamento de Galicia, as catro deputacións provinciais, a Xunta de Galicia, as sete principais cidades galegas por poboación e os traballadores de Afundación. Os membros do Padroado ratificaron tamén, na mesma sesión, un código ético que regulará o comportamento interno dos seus traballadores e as relacións da entidade con outras organizacións, institucións ou empresas.
O plan estratéxico da entidade para os próximos cinco anos centrarase en tres eixes fundamentais: a educación superior como xeradora de coñecemento, mediante a implementación dun modelo innovador e de calidade orientado ao mundo da empresa, o envellecemento activo e o fomento da formación e desenvolvemento persoal a través da cultura. O obxectivo é, tal e como se salienta nas liñas estratéxicas de Afundación, «realizar unha acción educativa, social e cultural que, de forma sostida, eficiente e con vocación transformadora, contribúa a mellorar a sociedade galega dentro e fóra de Galicia». Para a súa consecución desenvolveranse programas propios en que primará a calidade: «Nesta nova etapa queremos intensificar e centrar os esforzos, máis que diversificalos, para sermos máis ca nunca unha institución ao servizo da sociedade galega. Por iso, toda a actividade que desenvolvamos deberá contribuír ao progreso de Galicia e a mellorar a calidade de vida de todas as galegas e galegos», subliñou Miguel Ángel Escotet.
O proxecto de Afundación para os vindeiros cinco anos propón acadar unha organización eficiente, autosostible e innovadora, orientada a complementar a oferta programática das demais institucións públicas e privadas que operan en Galicia. Para iso, o próximo ano contarase cun orzamento de 29 millóns de euros. Para contribuír a ese equilibrio, ABANCA comprometeu unha achega anual de cinco millón de euros durante cinco exercicios, tras os cales destinará o 3 % dos seus beneficios netos, cun mínimo garantido de cinco millóns de euros, para os seguintes 25 anos. «O obxectivo é —engade Miguel Ángel Escotet—, racionalizando o gasto e optimizando os recursos, manter un nivel de actividade razoable e intenso».
PRIMEIRO CÓDIGO ÉTICO
A Fundación Galicia Obra Social (Afundación) contará por primeira vez cun código de conduta ética e profesional que ten como obxectivo establecer unhas pautas de comportamento das persoas pertencentes á entidade no exercicio das súas funcións, e ser tamén unha referencia ética para as persoas que manteñan relacións de calquera índole con Afundación.
O código, que é de obrigado cumprimento, recolle nos seus 48 artigos un compromiso que regula o seu sistema de goberno e asegura a profesionalización e independencia dos seus membros —empregados e representantes do Padroado—, que avoga por que a entidade non sexa utilizada «con fins políticos, privados ou persoais, ou como instrumento para o logro de fins ilexítimos, non apropiados ou alleos aos fins fundacionais». Afundación comprométese, así mesmo, a través dos seus órganos de dirección, ao control exhaustivo do gasto e a actuar de boa fe nas relacións comerciais cos seus provedores e contratistas. O articulado contempla tamén mecanismos de control e información de modo que todos os datos de interese público estarán accesibles permanentemente na páxina web da entidade, www.afundacion.org.
Afundación, que elabora este código de forma voluntaria, quere mostrar así «un exercicio de responsabilidade que demostra un firme compromiso de ser éticos e confiables en todo o que facemos», segundo se detalla no texto.
OS TRES EIXES DO PLAN ESTRATÉXICO
Afundación centrarase nesta nova etapa na promoción dunha educación superior orientada á empresa para potenciar a xestión eficiente e responsable dos negocios, o emprendemento, a innovación, a tecnoloxía e os sectores emerxentes, baseada na excelencia e na internacionalización en todas as dimensións: contidos, estudantes e alianzas estratéxicas con institucións de diferentes ámbitos (terceiro sector, cooperativas, pemes, organizacións culturais, do ámbito da saúde, etc.). «A educación a todos os niveis ao longo da vida, tamén a formación en valores, é tan ou máis importante que a cognitiva», sinala o presidente de Afundación». Así, no ámbito educativo a entidade dinamizará as súas actividades extracurriculares vinculadas á cultura nas etapas infantil e xuvenil, e poñerá en marcha programas formativos en finanzas dirixidos a toda a poboación.
O segundo eixe de Afundación estará centrado no envellecemento activo, con actividades e obradoiros nos centros propios da entidade, 12 en toda Galicia, pero tamén con tres novos programas: a «Escola da experiencia», as «pasarelas interxeracionais» e o voluntariado de maiores nos ámbitos sociais e profesionais para «ampliar o seu horizonte, xa que estamos convencidos de que teñen moito que achegar á comunidade. Imos promover actividades que permitan aproveitar a bagaxe deste colectivo: as sociedades despréndense da experiencia demasiado cedo», subliña Miguel Ángel Escotet.
A entidade desenvolverá, como terceiro punto, unha actividade cultural que axude a fomentar o coñecemento e desenvolvemento persoal, variada e centrada na calidade fronte á cantidade. Nesta liña potenciarase, ademais, a divulgación das artes plásticas, con atención especial aos creadores galegos, e na que a colección de Afundación terá un protagonismo destacado.
Coñécenos por dentro en www.afundacion.org.