
Patricia García, finalista dos Premios Educa ABANCA 2021, en «Educación século XXI» na Sede Afundación Pontevedra
23.05.2022. A Sede Afundación Pontevedra acollerá o 2 de xuño ás 19.30 h, a conferencia de Patricia García, «Enche a túa aula de pensamento creativo», de acceso gratuíto e con previa reserva a través de Ataquilla.com.
Este evento enmárcase no programa «Cultura por alimentos», promovido por Afundación e destinado a vincular a participación en actividades culturais coa solidariedade. Así, a Obra Social ABANCA, en colaboración coa Federación Española de Bancos de Alimentos, co obxectivo de contribuír, a través de doazóns, a incrementar os recursos dos Bancos de Alimentos de Galicia, invita todas as persoas que asistan ao evento a que colaboren con esta campaña solidaria acudindo cunha doazón de alimentos non perecedoiros que serán recollidos no propio centro.
As imaxes están dispoñibles aquí:
https://drive.google.com/drive/folders/1HEIvJ9gy4ZVjZpWh5LG1R8dF7uSK-6EY?usp=sharing
Adoptar a creatividade como mecanismo de aprendizaxe na aula non é unha tarefa fácil. Patricia García defende a necesidade de darlle unha volta á perspectiva tradicional. A educación está centrada en contidos con escaso espazo para as habilidades de pensamento, polo tanto, tampouco para a educación creativa. Non se podería chegar a potenciar o pensamento creativo sen desenvolver previamente habilidades básicas, por iso a súa intención non é obviar, senón complementar. Neste encontro tratarase o pensamento creativo e as súas múltiples posibilidades dentro da aula. Para comprender a práctica é preciso abordar unha serie de nocións teóricas básicas que serán reforzadas con dinámicas individuais e grupais. O obxectivo deste encontro será identificar un coñecemento teórico sobre e recompilar unha variedade de propostas para podelas iniciar nas aulas ou nos fogares educativos.
Patricia García Figueroa
Mestra, psicopedagoga e defensora da creatividade, emprendeu o seu fogar educativo hai nove anos en Redondela. O que comezou sendo un pequeno espazo de aprendizaxe é actualmente o seu motor de vida, o seu lugar onde compartir o seu modo de entender a educación e un medio para contaxiar os máis pequenos e as súas familias de maxia e fantasía.
Día a día involúcrase cada tarde no rendemento e dificultades académicas dos seus alumnos e alumnas achegando nas súas clases pensamento creativo e desenvolvendo proxectos temáticos usando como medio de creación a reciclaxe.
A súa misión é animar estudantes con criterio propio, con capacidade de reflexión, decisión, eliminando prexuízos e desenvolvendo un pensamento fluído e flexible, mostrándose ela mesma como modelo de orixinalidade, compromiso, constancia e esforzo.
Actualmente participa en formacións para o profesorado en congresos e centros escolares. Creou o seu espazo virtual hai seis anos sendo este unha oportunidade para cheegar a máis amantes da educación e mostrar a súa visión da educación. Recentemente publicou o seu primeiro libro Cree en ti para crear. Manual sobre el pensamiento creativo.
«Educación século XXI»
A necesidade de consolidar un marco de educación asentado en valores éticos e de comprensión e apoio recíproco de toda a comunidade educativa é un dos principios que se seguen nas actividades didácticas desenvolvidas en Afundación. «Educación século XXI» de Afundación, a Obra Social de ABANCA, é un programa no que se quere destacar a importancia dunha educación asentada en valores no que docentes, nenas e nenos e as súas familias poidan coñecer técnicas, mecanismos e estratexias que favorezan a convivencia no contorno escolar para a consolidación dunha sociedade cohesiva e solidaria na que a igualdade e o respecto sexan os alicerces das relacións interpersoais.
Os contidos están accesibles tamén en diferido e difúndense a través das RRSS da Obra Social de ABANCA, co obxectivo de que estean ao alcance de toda a poboación, provéndoa, así, de ferramentas que contribúan a mellorar a nosa sociedade no seu conxunto.
Toda a información da actividade de Afundación, na nosa SALA DE PRENSA.