
Os espazos +60 de Afundación viaxan á Palma
25.03.2022. Afundación, a Obra Social de ABANCA, inicia as súas viaxes para as persoas maiores de 55 anos, cun amplo abano de destinos nacionais e internacionais, nos que o lecer, a cultura, a aprendizaxe continua e o respecto cara á diversidade, marcan os eixes centrais dunha actividade altamente demandada. Nesta ocasión, déixase ver, ademais, a intensa implicación social de Afundación na elección da primeira viaxe: A Palma, co fin, tamén, de contribuír ao seu reposicionamento como enclave turístico de elevado interese. A esta saída, súmanse Madeira, A Rioxa e Araba, Camiño de Santiago, Provenza e Costa Azul, e Austria e O Tirol.
Desde o 28 de marzo ata o 4 de abril, as persoas socias dos espazos +60 viaxarán á Palma, coñecida como a Illa Bonita polas súas paisaxes incribles, os seus bosques, as súas acolledoras praias, os seus volcáns e os seus ceos cheos de estrelas. Impulsar o turismo é unha forma de apoiar a recuperación da illa tras a erupción do volcán de Cumbre Vieja.
Os vindeiros destinos
Do 20 ao 27 de abril as persoas socias dos espazos +60 Afundación van descubrir unha illa fantástica en medio do océano Atlántico, onde as súas paisaxes de orixe volcánica se combinan con vilas e cidades ao bordo do mar, aderezados por unha cultura e historia sen igual, dando como resultado un destino incomparable.
Do 22 ao 27 de maio será o quenda da Rioxa e Araba, sendo o primeiro deles seguramente o destino máis suxestivo para os amantes do viño e a gastronomía. Un lugar máxico, con seráns encarnados de ensoñación que combinan co color que en outono toman os seus viñedos. O día 25 visitarán O Val Salgado de Añana, situado ao leste de Vitoria-Gasteiz, e de aí desprazaranse á capital vasca.
En xuño, as persoas socias dos espazos +60 de Afundación realizarán o Camiño de Santiago, habendo opción de anotarse a calquera das rutas que integran este patrimonio cultural. O Camiño francés, inglés, primitivo, portugués ou a Vía da Prata, a escolla entre as diferentes ofertas será dos camiñantes.
Do 21 ao 28 de xuño será a segunda quenda dos campos de lavanda, as cigarras, os xabóns de Marsella, os mercados provenzais, os monumentos romanos, as paisaxes de garriga, as encantadoras vilas provenzais, a luz que buscaban os pintores impresionistas... A Costa Azul das películas de Hitchcock, as vilas que miran o Mediterráneo, as curvas das Corniches e o cabriolet de Cary Grant e Grace Kelly, o glamour da Riviera, as pontes colgantes... As dúas rexións que son un desfrute para a vista.
Do 1 de outubro ao 8 de outubro, as persoas socias dos espazos +60 visitarán, na terceira quenda, Austria e o Tirol. O 29 de setembro recolleranos nos espazos +60 e trasladaranos ao aeroporto de Santiago para coller o voo con destino a Viena. Pasados uns días, viaxarán ao Tirol para desfrutar da beleza natural da zona.
Do 20 ao 27 de outubro está prevista a viaxe a Exipto, na que se inclúe un cruceiro polo río Nilo. Exipto é un dos países con máis historia do mundo e de maior antigüidade, un reclamo turístico por todos os vestixios históricos e culturais que aínda quedan polo seu territorio e que recordan o poderío das súas antigas civilizacións.
Toda a información da actividade de Afundación, na nosa SALA DE PRENSA.