A Sinfónica de Galicia interpretará temas de Bartók e Manuel de Falla no Teatro Afundación de Vigo
O pasado 11 de xaneiro, a Real Filharmonía de Galicia inauguraba en Vigo a tempada de abono de música clásica 2024 de Afundación e a Sociedad Filarmónica de Vigo. A outra gran formación orquestral galega, a Sinfónica de Galicia (OSG), será a que se suba ao escenario do Teatro Afundación o xoves 30 de maio. Coa actuación da OSG, a tempada alcanza o seu ecuador. Os concertos regresarán no outono. Desde o mes de xaneiro, a tempada de abono do Teatro Afundación programou un total de 8 concertos que rexistraron altos niveis de asistencia de público. As últimas entradas para o concerto do 30 de maio están dispoñibles en Ataquilla.com.
A OSG chega a Vigo dirixida por José Trigueros e acompañada polo solista de viola Joaquín Riquelme e da cantaora Marina Heredia. Interpretarán o Concerto para viola e orquestra do compositor húngaro Béla Bartók (1881 - 1945) e El amor brujo de Manuel de Falla (1876 – 1946).
O director previsto inicialmente para o concerto era o vitoriano Juanjo Mena pero, por causas de forza maior, tivo que suspender a última hora a súa participación. Tamén se realizaron cambios na última parte do repertorio: a obra que inicialmente estaba prevista interpretar era a Sinfonía nº 1 en do menor de Johan Halvorsen.
Trigueros, Riquelme, Heredia
José Trigueros (1965) é director asociado da OSG dende 2019. Tamén dirixiu a formacións como a Orquesta Nacional de España, a Orquesta Sinfónica de RTVE, Orquesta Ciudad de Granada, Orquesta de Valencia ou a Orquesta Sinfónica de Castilla y León.
O intérprete de viola Joaquín Riquelme (Murcia, 1983) é membro titular da Filharmónica de Berlín desde 2010. Ademais, tamén actúa habitualmente como solista con outras orquestras de España e Europa. Toca unha viola de 1780 cedida pola fundación dos Freunde der Berliner Philharmoniker.
A de Marina Heredia é unha das voces femininas máis recoñecidas no flamenco nos últimos anos. Na súa ampla traxectoria colaborou con diferentes formacións orquestrais de España e outros países.
A tempada de abono de Afundación forma parte do programa solidario «Cultura por alimentos», desenvolto por Afundación en colaboración coa Federación Española de Bancos de Alimentos. Os asistentes ao concerto poderán colaborar depositando alimentos non perecedoiros nos contedores dispostos para tal fin no Teatro Afundación de Vigo.