Ona Carbonell súmase a PLANCTON e á loita contra o lixo mariño nunha gran limpeza na illa de Cortegada
11.05.2022. As praias da illa de Cortegada, dentro do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, foron o lugar elixido por Afundación para levar a cabo unha nova xornada de limpeza de residuos mariños no marco de PLANCTON, o plan de acción territorial impulsado pola propia Obra social de ABANCA que, desde que principiara o pasado ano, percorre as costas de Galicia de norte a sur, realizando múltiples actuacións de limpeza coas que xa levan retiradas de praias e fondos marisqueiros preto de 25 toneladas deste tipo de refugallos.
O material audiovisual está dispoñible aquí:
https://drive.google.com/drive/folders/12hVa9r0yuGHulkh_hE0XcYE9-DsnDktC?usp=sharing
A de hoxe foi unha xornada especial, xa que entre as máis de 50 persoas que participaron desta xeira, pertencentes a asociacións do terceiro sector como Bata e Con Eles, ao Grupo Naturalista Hábitat, á Asociación de Mariscadoras de Carril, ao propio Parque Nacional, á Confederación Española de Caixas de Aforros (CECA), e ó programa de voluntariado Actúa, de ABANCA e Afundación, atopábase a medallista olímpica do Equipo Nacional Español de Natación Artística e embaixadora da Obra Social e Educación Financeira de CECA, asociación de bancos, caixas e fundacións, Ona Carbonel, unha muller intimamente ligada ao mar, como xa ten indicado en máis dunha ocasión.
Como resultado final da limpeza, foron máis de 52 os quilos recollidos dos diferentes areais nos que se traballou durante toda a xornada, destacando pola súa abundancia os tarugos plásticos extraviados durante os labores do cultivo do mexillón nas bateas, pequenas marañas de sedelas, anacos de redes e cabiños, tapóns, botes e botellas de bebidas e doutros produtos, cabichas, restos plásticos dos bastonciños de limpar os oídos, pallas de beber, envoltorios e pequenos anacos de plástico non identificables en canto a súa orixe.
Previamente á limpeza, as mariscadoras de AMARCARRIL impartiron un pequeno taller de introdución ao marisqueo para dar a coñecer o seu traballo, actividade que completaron cun pequeno percorrido ao redor da illa no que guiaron ás voluntarias e voluntarios contándolles todos os segredos que esconde este fermoso enclave da ría arousá.