A Residencia de Estudantes Afundación estreará nova imaxe no inicio do curso 2024-2025
A Residencia de Estudantes Afundación de Pontevedra comezará o vindeirocurso 2024-2025 cunha imaxe completamente renovada tras as obras de remodelación que se executaron tanto no exterior como no interior do edificio, cun investimento próximo ao millón de euros. Os traballos centráronse fundamentalmente na rehabilitación da fachada e as xanelas do inmoble co obxectivo tanto de mellora estética como de eficiencia enerxética. O proxecto inclúe, así mesmo, a adaptación dos tres ascensores da residencia e distintas acometidas nas habitacións e zonas comúns do centro. Todo iso, coa finalidade de adaptar o inmoble á estética e necesidades actuais, cunha especial atención á accesibilidade de todas as instalacións.
O proxecto de rehabilitación continuará durante o curso con novas obras de mellora das instalacións interiores e estenderase tamén ás zonas exteriores do centro. A residencia acollerá a 125 estudantes desde o próximo 1 de setembro ata a finalización do curso académico.
O centro da Obra Social de ABANCA inicia esta nova etapa tras un verán dedicado á atención de proxectos solidarios, acorde coa liña estratéxica de Afundación asentada no impulso e o compromiso social. Así, un verán máis gozaron das súas instalacións os participantes no programa de vacacións para persoas con discapacidade intelectual impulsado por Special Olympics, no que participaron 358 persoas, de 13 entidades galegas. Cunha ampla oferta de actividades promovidas por Special Olympics, coa colaboración de Afundación, estes campamentos de verán teñen como obxectivo propiciar a súa inclusión e dar visibilidade a este colectivo, así como garantir que gocen das súas vacacións estivais nas mesmas condicións que o resto da sociedade.
O centro tamén acolle este verán a 16 estudantes de UIBE de Beijing, participantes na sexta edición do Diploma Avanzado en Relacións Internacionais, DARI, que imparte a Universidad Intercontinental de la Empresa, UIE.
A Residencia de Estudantes Afundación de Pontevedra, inaugurada en 1969, aloxou desde a súa apertura a máis de 6000 mozos das facultades e escolas universitarias do campus de Pontevedra, centros de formación profesional e estudantes doutros países que cursan actualmente algún programa na Universidad Intercontinental de la Empresa. Está situada no centro da cidade (avenida de Vigo, 21), nun edificio de cinco plantas e as súas instalacións compleméntanse cun edificio anexo de dúas plantas que suman unha superficie construída de máis de 5000 m².
Ademais dos mencionados programas de impulso social, nos meses de verán proporciona aloxamento a residentes que preparan os seus exames de setembro, clubs deportivos ou campamentos de verán, entre outros. 8500 residentes desde a súa inauguración. Por outra banda, no contexto das liñas estratéxicas de Afundación, a Obra Social de ABANCA, e de UIE desde este centro promóvense todo tipo de actividades que complementan a formación cultural, científica e deportiva dos estudantes.