
Os programas + 60 de Afundación abren o seu período de inscrición co voluntariado e o valor da experiencia como protagonistas
Os espazos +60 de Afundación, a Obra Social de ABANCA, abriron as súas portas hoxe de novo tras o habitual descanso estival durante o mes de agosto. Entre as propostas para este curso 2022-2023 destacan os programas orientados ao benestar emocional, o fomento das relacións interpersoais, o voluntariado e o acompañamento dixital. O período de inscrición para as actividades, que comezarán en outubro, é do 5 ao 20 de setembro.
No contexto do seu Plan estratéxico 2022-2026 e coa área de Maiores como un dos seus eixos de actuación principais, Afundación desenvolve novos proxectos para «poñer en valor a experiencia profesional e vital das persoas maiores, dándolles voz e visibilidade, procurando unha sociedade libre de estereotipos e edadismo, promovendo o valor da experiencia deste colectivo», subliña Sabela Couceiro, coordinadora da área de Maiores da entidade. «Así, -engade- no contexto do gran logro que representa o incremento da esperanza de vida, xunto cos cambios nos perfís das persoas maiores, con estilos de vida máis activos e independentes, debemos repensar o modo de afrontar este período vital cuxo inicio cada vez é máis difuso. E desde Afundación temos o reto de seguir innovando para desenvolver un modelo adecuado ás novas expectativas e necesidades das persoas maiores»
OS PROGRAMAS + 60 DE AFUNDACIÓN
Dentro da misión de Afundación na súa área +60 de acompañar ás persoas maiores no seu percorrido vital, os programas grupais que se presentan para 2022-2023 fomentan a socialización, a aprendizaxe ao longo da vida, o benestar, o desenvolvemento persoal e o aproveitamento da experiencia vital e profesional das persoas maiores a través de proxectos interxeracionais e de voluntariado. Transversalmente, os programas céntranse en crear oportunidades para que as distintas xeracións estean conectadas e en promover unha imaxe social desta poboación afastada de estereotipos:
Benestar emocional: coñecernos mellor e continuar o noso proxecto de vida. Atendendo á saúde emocional, a proposta de «Coñecendo a emocións», aborda mediante talleres participativos, a importancia de coñecer e tomar conciencia das nosas emocións e promover a aprendizaxe de estratexias para xestionalas na nosa vida cotiá. O desenvolvemento desta innovadora iniciativa, inédita na nosa contorna, é froito da colaboración que desde o ano 2017 veñen desenvolvendo Afundación e Matía Instituto para xerar recursos que contribúan ao coñecemento e benestar emocional das persoas a medida que se envellece. Neste ámbito, a programación presenta tamén o programa «Historias vividas» que ten por obxectivo acompañar ás persoas maiores na experiencia de recompilar e escribir a súa historia de vida nun libro único, poñendo en valor a súa traxectoria vital, os seus logros, metas e soños cumpridos ou por cumprir, e que, á súa vez, constitúe un legado para futuras xeracións.
Acompañamento dixital. Afundación ofrece apoio personalizado e individual que permite romper as barreiras iniciais e facer máis fácil o acceso á tecnoloxía, adaptándose a todos os niveis de coñecemento e práctica.
Tecer relacións. Afundación desenvolve proxectos que favorecen o encontro entre os participantes en ámbitos diversos. Así, desenvólvense programas como «saír a pasear e conversar», que propicia a conversación ao aire libre, animando a saír de casa e conectar cos demais. E «Pedalear e conversar», un programa que se enmarca no movemento internacional «En bicicleta sen idade», iniciado en Dinamarca, e que impulsa actualmente Afundación na Coruña, Pontevedra e Vigo. Con triciclos eléctricos especialmente adaptados, este programa é entendido pola Obra Social de ABANCA como unha nova maneira de sentir e reclamar a participación das persoas maiores nos espazos físicos da cidade, caracterizada pola sustentabilidade e a xenerosidade, na que a creación de novas relacións entre voluntarios e persoas maiores con mobilidade reducida constitúe unha das esencias. Ademais dos voluntarios de Afundación e ABANCA, dos centros educativos da entidade e da sociedade en xeral, neste programa participan tamén como voluntarias, persoas socias dos Espazos+60 Afundación das distintas localidades.
Voluntariado + 60: O valor da experiencia. O programa ten como obxectivo ofrecer novas oportunidades de participación para aproveitar o talento e a experiencia persoal e profesional das persoas maiores ao servizo de mozos e maiores en diferentes ámbitos. Así, as persoas socias dos Espazos +60 Afundación poden participar en actividades de voluntariado interxeracional, voluntariado cultural e educativo, voluntariado social e comunitario, e voluntariado ambiental. Entre as propostas que se desenvolverán este curso destacan os programas «Fálame da emigración» e «Falemos da escola», que se renovan tras a paréntese provocada pola pandemia e nos que as persoas maiores voluntarias trasladan a súa experiencia a escolares de centros educativos de toda Galicia, producíndose un intercambio de perspectivas entre xeracións. Gozar, aprender e practicar hábitos saudables. Afundación conta cunha gran variedade de oferta formativa para a aprendizaxe permanente, desde o coñecemento de idiomas, a expresión artística, historia da arte, literatura ou música, entre outros. Así mesmo, para favorecer a práctica de exercicio, os Espazos +60 Afundación ofrecen propostas variadas que se adaptan ao estado físico e particularidades de cada persoa participante.
Todo isto compleméntase cunha ampla programación en liña que inclúe cursos de historia, arte, idiomas, xadrez…e recursos para superar as barreiras de acceso ao mundo dixital. O período de inscrición nestas actividades estará aberto do 5 ao 20 de setembro.
Máis información en Espazos+60 Afundación
Imaxes AQUÍ