
Musicais, teatro, música clásica e orquestral, ópera, ballet e maxia na programación do Teatro Afundación en outubro
O Teatro Afundación programa no mes de outubro dous musicais, 4 concertos de música clásica e música de orquestra, 2 obras de teatro, 1 espectáculo de ballet, e a Gran Gala Internacional «Galicia Ilusiona», que durante dous días e en 4 sesións diferentes fará pasar polo escenario unha selección dalgúns dos mellores e máis premiados ilusionistas do planeta reunidos nun mesmo escenario. O musical Friends inaugura a programación este venres, día 4. Apenas quedan xa entradas. As últimas, e as de todos os espectáculos programados, están dispoñibles en Ataquilla.com.
A música xoga un papel especialmente destacado na programación do Teatro Afundación no mes de outubro. En primeiro lugar, porque volve o «Outono lírico», que promove a Asociación Amigos da Ópera de Vigo. Este sábado, día 5, o tenor César Gutiérrez e a soprano Beatriz Riobó, acompañados do pianista Carlos Enrique Pérez e un cuarteto de corda, interpretarán as cancións de cámara de Puccini e o seu soado cuarteto de corda Crisantemi. Será a primeira das dúas citas do «Outono lírico» en 2024. A segunda, xa o 27 de outubro, tamén volverá sobre a obra de Puccini: a Orquestra Sinfónica Vigo 430 e o Coro Rías Baixas representarán a ópera Madama Butterfly.
A programación dedicada á música orquestral complétana neste mes de outubro dúas citas: o venres 11 de outubro, a Orquestra Clásica de Vigo interpretará as bandas sonoras de diferentes películas da saga Batman. Manuel Martínez Álvarez-Nava dirixirá a formación musical viguesa.
Ademais, a Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG) comparecerá ante o público de Vigo o 17 de outubro dirixida pola alemá Anja Bihlmaier e acompañada do violinista Serguei Khachatryan. O concerto forma parte da Tempada de Abono de música clásica de Afundación en Vigo.
Teatro e ballet
A representación de A muller sen nome: Señora de Macbeth, con versión libre e dirección de José Carlos Plaza, inaugura as propostas teatrais. Será o xoves 10 de outubro. Plaza é un dos máis reputados directores de escena de España.
Ao teatro reflexivo de Shakespeare, séguelle, na programación, a comedia: o día 12 de outubro, os cómicos Vicente Ruídos e Jesús Tapia convidarán o público a facer unha divertida viaxe en avión. O espectáculo, para maiores de 16 anos, titúlase Comandante Lara & Cía. - Viaje con nosotros.
Xa o día 16, chegará o Ballet de Kiev. Representa O lago dos cisnes, de Piotr Ilich Chaikovski, unha das pezas de danza clásica que ano tras ano son demandadas polo público de Vigo. O espectáculo ten ademais carácter solidario: o Ballet de Kiev doa un euro do recibido por cada entrada a UNICEF para apoiar o seu traballo en Ucraína.
O espectáculo Queen Revolution, con dúas horas de tributo musical á lendaria banda liderada por Freddie Mercury ―o 18 de outubro― e a Gran Gala Internacional «Galicia Ilusiona» completan a programación.
Moitos dos espectáculos programados son parte do programa «Cultura por alimentos», desenvolto por Afundación en colaboración coa Federación Española de Bancos de Alimentos, para recoller produtos non perecedoiros que se distribúen entre familias en risco de exclusión. Os alimentos poden deixarse nos caixóns dispostos para o efecto no Teatro Afundación.
Imaxes dispoñibles nesta ligazón.