
«Música a flor de pel», de Afundación, leva desde hoxe actuacións en directo aos centros galegos de educación especial
Afundación, dentro do seu compromiso por desenvolver iniciativas de impacto social, puxo en marcha hoxe unha nova edición de «Música a flor de pel», un programa que leva microconcertos aos centros de educación especial de toda Galicia.
Case 500 estudantes de 12 centros educativos de educación especial están apuntados a «Música a flor de pel», co que esta actividade contará en 2023 co 100 % de participación destas escolas, xa que na primeira parte da edición, celebrada nos meses de maio e xuño, estaban anotados os centros restantes. O programa iniciouse hoxe ás 10.00 h no CEE de Vilagarcía de Arousa, coa participación de 72 persoas nunha proposta de percuterapia e musicoterapia desenvolta polo cantante e musicoterapeuta Pedro Campos.
A música e o baile foron a ponte de conexión cos participantes nesta actividade na que os distintos instrumentos de percusión estiveron ao alcance das nenas e nenos para poder experimentar con eles, a través dun programa de pezas adaptadas á idiosincrasia e preferencias de cada grupo.
As imaxes da actividade están dispoñibles na seguinte ligazón.
Esta mañá desenvolveuse unha segunda sesión no CEE Bata Os Mecos de Vilaxoán e as seguintes citas serán desde mañá e ata o 20 de outubro nos centros de educación especial Terra de Ferrol e ASPANAES, de Ferrol e As Pontes; Nosa Señora de Chamorro, de Narón; ASPANAES Duques de Lugo e O Pedroso, de Santiago de Compostela; Amencer-ASPACE, de Pontevedra; Infanta Elena, de Monforte de Lemos; Princesa Leticia, de Vilagarcía; e Ilustre Mestre, de Ourense.
Afundación pon en marcha este programa desde o coñecemento dos beneficios que a música en directo achega para a xestión das emocións, a diminución de medos e tensións, o desenvolvemento sensorial e perceptivo, o fomento da creatividade ou o reforzo da comunicación, entre outros. «Música a flor de pel» enmárcase, deste xeito, dentro do compromiso de Afundación, como obra social de ABANCA, coas artes e a cultura como motor de crecemento persoal, coa atención á diversidade, coa igualdade de oportunidades e coa sensibilidade social.
Nesta edición 2023 preséntanse tres propostas distintas entre as que os centros poden escoller aquela que lle resulte máis atractiva e adecuada. Ademais da proposta do cantante e musicoterapeuta Pedro Campos, que compartiron hoxe no CEE Vilagarcía de Arousa e no CEE Bata Os Mecos de Vilaxoán, a programación inclúe outras dúas posibilidades. Por unha banda, a Fundación Igualarte , que traballa a arte con persoas con capacidades diferentes, ofrece tres espectáculos distintos: un concerto de música tradicional, a cargo da agrupación De t@pas; unha proposta musical partindo de composicións infantís, para público máis novo e «Música con sentido», unha creación sensorial para experimentar cos diferentes sentidos. Finalmente, o músico Carlos Quintá ofrece dentro de «Música a flor de pel» unha actividade baseada na música tradicional de Galicia, que incorpora novas composicións e xogos, apoiándose en elementos escénicos e lúdicos e convidando á participación do público.