
«Música a flor de pel», de Afundación, leva actuacións en directo aos centros de educación especial de Estremadura
Afundación, a Obra Social de ABANCA, dentro do seu compromiso por desenvolver iniciativas de impacto social, pon en marcha por primeira vez en Estremadura «Música a flor de pel», un programa que levará microconcertos aos centros de educación especial da comunidade.
Nesta primeira edición participarán ata o próximo venres 27 de outubro máis de 800 persoas de 9 centros de educación especial: Casa de la madre, de Mérida; San Marcos, de Almendralejo; Nuestra Señora de La luz, Centro de atención de autistas de APNABA e CEE Los Ángeles, de Badaxoz; CEE Proa, de Cáceres; Aprosuba-13, de Villafranca de los Barros, CEE Antonio Tomillo, de Zafra e CEE Ponce de León, de Montijo.
O programa iniciouse hoxe ás 10.00 h no CEE Nuestra Señora de la Luz de Badajoz, cunha proposta da Fundación IgualArte, un espazo activo onde se traballa a arte con persoas de capacidades diferentes. Na sesión desta mañá presentaron unha proposta sensorial onde a música e o son se combinan para experimentar cos diferentes sentidos.
As imaxes da actividade están dispoñibles na seguinte ligazón.
Afundación pon en marcha este programa desde o coñecemento dos beneficios que a música en directo achega para a xestión das emocións, a diminución de medos e tensións, o desenvolvemento sensorial e perceptivo, o fomento da creatividade ou o reforzo da comunicación, entre outros. «Música a flor de pel» enmárcase, deste modo, dentro do compromiso de Afundación, como obra social de ABANCA, coas artes e a cultura como motor de crecemento persoal, coa atención á diversidade, coa igualdade de oportunidades e coa sensibilidade social.
«Música a flor de pel» chega a Estremadura despois de tres exitosas edicións en Galicia, incluíndo a actual e desde 2021, nas que participaron sempre a totalidade dos centros de educación especial da comunidade.