
Miguel de la Cierva protagoniza o vindeiro programa de «Diálogos con Pepe Solla», en directo en Afundación TV
Afundación TV continúa esta semana o seu ciclo «Diálogos con Pepe Solla», un foro de encontro cultural enmarcado no programa de dinamización do coñecemento da Obra Social de ABANCA no que o prestixioso cociñeiro galego, impulsor do grupo NOVE e da aclamada Casa Solla, o restaurante familiar estrela Michelin fundado en 1961, charla con destacadas figuras do ámbito cultural e artístico galego sobre as distintas consecuencias da pandemia actual. Miguel de la Cierva, director e propietario do mítico Náutico de San Vicente do Mar será o seguinte convidado deste ciclo e o seu encontro terá lugar no propio Náutico o vindeiro mércores 9 de decembro ás 19.30 h, en directo en Afundación TV. As inscricións pódense formalizar aquí. Todas as persoas rexistradas poderán interactuar a través dun chat cos protagonistas.
Miguel de la Cierva é o director e propietario do Náutico de San Vicente do Mar. Un local de praia con clara vocación pola música en vivo cuxa fama transcendeu nos últimos anos por unha programación moi extensa e poboada de grandes nomes da música, cunha media cada ano de 70 concertos nos meses de xullo e agosto. O Náutico é o proxecto vital de Miguel, no que leva literalmente vivindo 28 anos e ao que dedica a súa vida. Este empresario e xestor cultural defínese como unha especie de Frankenstein, é dicir, un individuo construído con órganos doutros, pois a base do seu traballo no mítico local de San Vicente «é a desembocadura da súa vocación de músico, de emprendedor, de técnico de son, promotor de concertos, mánager de grupos e, sobre todo, amante dun recanto paradisíaco do Grove chamado San Vicente do Mar».
Así Miguel de la Cierva conversará en directo en Afundación TV con Pepe Solla sobre a súa traxectoria vital e profesional desde que con 15 anos empezou a tocar a guitarra e formouse en Imaxe e Son ata que en 1994 se trasladou a San Vicente do Mar para facer do Náutico o seu proxecto de vida.