Mesa redonda sobre o legado artístico da mezzosoprano Teresa Berganza na Sede Afundación de Santiago
Comeza o programa de actividades paralelas organizadas no marco da exposición «O gardarroupa da música», unha mostra que reúne algunha das pezas máis emblemáticas do vestiario da mezzosoprano Teresa Bergara.
O xoves 20 de xuño, ás 19.00 h, celebrarase na Sede Afundación de Santiago de Compostela a mesa redonda «O legado artístico de Teresa Bergara», un encontro no que compartirán datos e reflexións o director de orquestra Maximino Zumalave, a musicóloga Rosa Fernández e o etnomusicólogo e director da Escuela Superior de Arte Dramático (ESAD) de Galicia Roberto Relova. Moderará a mesa o comisario da exposición, Román Padín.
A seguinte actividade será o martes 25 de xuño no Auditorio ABANCA co recital Cántame no peito. Acompañada polo pianista vasco Miguel Ituarte, Cecilia Lavilla Berganza, filla de Teresa, interpretará as Cancións xacobeas que Berganza levou ao escenario do Auditorio de Galicia en 1993 baixo a dirección de García Abril.
Todas as actividades deste proxecto están incluídas no programa «Cultura por Alimentos», que Afundación desenvolve en colaboración coa Federación Española de Bancos de Alimentos (FESBAL). O público poderá doar alimentos non perecedoiros ao acceder a cada un dos eventos nos contedores dispostos para tal fin. A asistencia o concerto é gratuíta, pero baixo reserva a través de Ataquilla.com.
A mostra, desenvolvida xunto coa Dirección Xeral de Turismo da Xunta de Galicia, poderase visitar na Sede Afundación de Santiago de Compostela ata o vindeiro 17 de agosto, de luns a sábado en horario de 12.00 a 14.00 h e de 16.30 a 20.30 h.
A EXPOSICIÓN «O GARDARROUPA DA MÚSICA»
Na colección de vestidos que a cantante lírica Teresa Berganza luciu sobre os escenarios entre 1950 e 2010 hai creacións dos mellores modistos do mundo da súa época: Pierre Cardin, Loris Azzaro, Enrique Caruncho, Christian Lacroix... Un total de 24 deses vestidos de quen, no seu día, foi considerada «a mezzosoprano do século» son o eixe central da exposición «O gardarroupa da música».
Na exposición, que permanecerá aberta ata o 17 de agosto, tamén poden verse diferentes vídeos e unha selección de creacións artísticas inspiradas nas vestimentas que usaba nos seus concertos. E é que os vestidos de Teresa Berganza influíron tanto no público como en artistas plásticos. Son parte da mostra, por exemplo, debuxos realizados polo mestre da pintura Rafael Cidoncha a partir das vestimentas da mezzosoprano, ou deseños de Pablo Pérez Sanmartín que recrean a Berganza interpretando o papel de Rosina en O barbeiro de Sevilla. Tamén se inclúen vídeos e fotografías de Joel Blanco, debuxos do arquitecto Alberto Fuentes Valcárcel ou un pano de seda deseñado por Sandra Parguiña, ademais de escenas líricas e dos vestidos da cantante.
Teresa Berganza (1933-2022) foi considerada unha das mellores voces líricas da súa época en todo o mundo. Durante décadas cantou sobre os mellores escenarios e coas mellores formacións orquestrais do planeta. Nos anos noventa, e grazas ás súas colaboracións co director de orquestra Maximino Zumalave, construíu unha relación especial co público galego da música lírica.