Máis de 60 000 persoas visitaron as mostras de «Corrente cultural», que regresa este outono con novas localidades
Afundación, a Obra Social de ABANCA, deseñou unha programación expositiva no marco de «Corrente cultural» na que a cultura, a formación, a solidariedade e a sostibilidade protagonizan as propostas expositivas. Máis de 60 000 persoas participaron xa das exposicións que, ao longo deste ano, se foron inaugurando por toda Galicia. Incluídas tamén no programa implantado en 2021 en colaboración cos Bancos de Alimentos locais, «Cultura por alimentos», Afundación apela á participación da cidadanía e responde ao chamamento solidario para a doazón de produtos non perecedoiros que se poden depositar nos contedores habilitados para o efecto nos diferentes centros culturais.
As imaxes están dispoñibles aquí.
«Corrente cultural» está deseñado para transcender os circuítos expositivos máis urbanos e trasladar as propostas expositivas alén das sedes de Afundación en colaboración con numerosas corporacións municipais e co apoio de ABANCA. A partir do mes de setembro, e ata o final do ano, serán catro as mostras que se presenten en, por exemplo, Ames, Allariz, Verín, Tui ou Vilanova de Arousa.
Cultura e patrimonio
A exposición «Castelao grafista» que conta con facsímiles de obras procedentes das coleccións de arte de ABANCA e Afundación, componse dunha escolma rigorosa de obras nas que se reflicte a evolución tanto do compromiso ético, social e político do artista rianxeiro, como dos seus recursos plásticos e a súa querenza pola ilustración. O seu interese pola palabra e pola imaxe consolidouse nas colaboracións que, a partir de 1924, empezou a publicar en medios como Galicia, Faro de Vigo ou Vida Gallega, nas que a ilustración e o texto reflicten a ácida crítica dun Castelao cada vez máis comprometido.
Co obxectivo de amosar as coleccións de arte de ABANCA e Afundación fóra das súas sedes, Afundación deseñou «Viaxando. Obras de arte das coleccións ABANCA e Afundación», unha exposición de rúa que permite encher as prazas de diferentes localidades galegas coa creación dalgún dos artistas galegos máis interesantes dos últimos douscentos anos.
A través dos artistas máis destacados do século XX español, «Múltiple. A arte do gravado» pretende dar a coñecer as técnicas tradicionais do gravado calcográfico e as súas variantes, en especial a xilografía, a litografía e a serigrafía. Maruja Mallo, Picasso, Dalí, Miró ou Tàpies son algúns dos nomes cuxas obras se inclúen nesta mostra.
Sostibilidade e medio ambiente
«Auga, o sangue da terra» realiza un percorrido pola relación do ser humano coa auga mediante fotografías dos cinco continentes. Lugares tan remotos como Nova Celandia, India, China, Níxer, o deserto de Atacama ou a conca do lucense río Lor foron fotografados por Manuel Valcárcel e recollidos neste proxecto expositivo que ten como obxectivo valorar a auga como elemento vital e amosar como inflúe a presenza ou ausencia de auga nas culturas, nas paisaxes e nos ecosistemas.
«Berces de vida. De paseo polos bosques de España», articulada por 26 fotografías cheas de luz, cor e beleza, retrata os diferentes ecosistemas boscosos de todas as comunidades autónomas de España e pretende servir de chamada de atención sobre a necesidade de conservar uns espazos imprescindibles para a vida no noso planeta. Complementadas con textos explicativos de Joaquín Araújo, estas imaxes reflicten o compromiso de todas as entidades participantes neste proxecto coa preservación do medio ambiente.
Innovación social e solidariedade
«Nós tamén fomos emigrantes» consiste nunha selección de corenta fotografías da emigración, tanto española como galega, procedentes dos arquivos da Axencia EFE. O obxectivo é o de tratar de achegarnos a esa realidade histórica a través dunha síntese fotográfica das migracións mediante a mirada profesional e humana dos fotoxornalistas da época. É a historia de «millóns de españois que tiveron que abandonar a súa terra para sobrevivir», en palabras de Miguel Ángel Gozalo, director da Axencia EFE entre 1996 e 2004.