Máis de 35 000 persoas visitaron as mostras de «Corrente cultural», que regresa este outono con novas localidades
Afundación, a Obra Social de ABANCA, deseñou unha programación expositiva no marco de «Corrente cultural» na que a cultura, a formación, a solidariedade e a sostibilidade protagonizan as propostas expositivas. Más de 35 000 persoas participaron xa das exposicións que, ao longo deste ano, fóronse inaugurando por toda Galicia. Incluídas tamén no programa implantado en 2021 en colaboración cos bancos de alimentos locais, «Cultura por alimentos», Afundación apela á participación da cidadanía e responde o chamamento solidario para a doazón de produtos non perecedoiros que se poden depositar nos contedores habilitados para o efecto nos diferentes centros culturais.
As imaxes están dispoñibles aquí.
«Corrente cultural» está deseñado para transcender os circuítos expositivos máis urbanos e trasladar as propostas expositivas alén das sedes de Afundación en colaboración con numerosas corporacións municipais e co apoio de ABANCA. A partir do mes de setembro, e ata final de ano, incorpóranse novas localidades a este proxecto cultural e solidario, entre as que se atopan Fene, Narón, Ribadeo, O Rosal, Rianxo, Cerceda, Xinzo de Limia, O Carballiño, Allariz, Pazos de Borbén ou Culleredo.
Cultura e patrimonio
A exposición «Castelao grafista» conta con facsímiles de obras procedentes das coleccións de arte de ABANCA e Afundación e componse dunha antoloxía rigorosa de obras nas que se reflicte a evolución tanto do compromiso ético, social e político do artista rianxeiro, como dos seus recursos plásticos e a súa querenza pola ilustración. O seu interese pola palabra e pola imaxe consolidouse nas colaboracións que, a partir de 1924, empezou a publicar en medios como Galicia, Faro de Vigo ou Vida Gallega, nas que a ilustración e o texto reflicten a aceda crítica dun Castelao cada vez máis comprometido.
Co obxectivo de mostrar as coleccións de arte de ABANCA e Afundación fóra das súas sedes, Afundación deseñou «Viaxando. Obras de arte das coleccións ABANCA e Afundación», unha exposición de rúa que permite encher as prazas de diferentes localidades galegas coa creación dalgún dos artistas galegos máis interesantes dos últimos douscentos anos. Esta exposición, pensada para desenvolverse a pé de rúa, cesará a súa itinerancia a partir do mes de setembro.
A mostra «Arte en tinta» dará os seus primeiros pasos nos últimos meses do ano. A partir dunha antoloxía de obras da Colección de Arte Afundación, faise un percorrido por conceptos, temas, estilos e linguaxes presentes na arte contemporánea a través de nomes destacados do panorama español e galego. O hiperrealismo de Eduardo Naranjo ou Quintana Martelo, o mundo onírico de Jorge Castillo, a delicadeza de Carmen Laffón, o equilibrio luminoso de Berta Cáccamo, a abstracción de Broto ou o volume de Chillida son só algúns dos aspectos que afloran nesta mostra.
Sostibilidade e medio ambiente
«Auga, o sangue da terra» realiza un percorrido pola relación do ser humano coa auga mediante fotografías dos cinco continentes. Lugares tan remotos como Nova Zelandia, India, China, Níxer, o deserto de Atacama ou a conca do lucense río Lor foron fotografados por Manuel Valcárcel e recollidos neste proxecto expositivo que ten como obxectivo valorar a auga como elemento vital e mostrar como inflúe a presenza ou ausencia de auga nas culturas, nas paisaxes e nos ecosistemas.
«Berces de vida. De paseo polos bosques de España», articulada por 26 fotografías cheas de luz, cor e beleza, retrata os diferentes ecosistemas boscosos de todas as comunidades autónomas de España e pretende servir de chamada de atención sobre a necesidade de conservar uns espazos imprescindibles para a vida no noso planeta. Complementadas con textos explicativos de Joaquín Araújo, estas imaxes reflicten o compromiso de todas as entidades participantes neste proxecto coa preservación do medio ambiente.
«Lume. Imaxes dunha terra que arde» é unha exposición que mostra como os incendios forestais son un dos grandes problemas ambientais aos que se enfronta Galicia. A través da mirada íntima dos fotoxornalistas e as sensacións que as súas imaxes trasladan, o obxectivo é apelar directamente ao espectador para, a través das emocións, implicar a cidadanía na busca da solución a este desafío. Esta exposición, pensada para desenvolverse a pé de rúa, cesará a súa itinerancia a partir do mes de setembro.
O exitoso proxecto «Emocións en perigo. Fotografías de Tim Flach» converteuse este ano en exposición integrante do proxecto «Corrente cultural». A través dunha selección de 34 retratos de animais en perigo de extinción fotografados como nunca antes os viramos, Flach asegura que o seu propósito é «conectar ás persoas coa natureza» cun obxectivo: romper as barreiras que parecen levantarse entre os seres humanos e o natural a través destas escenas, fomentar a empatía cos retratados e destacar a emoción. Esta exposición, pensada para desenvolverse a pé de rúa, cesará a súa itinerancia a partir do mes de setembro.
A mostra «Fauna esencial» deu os seus primeiros pasos na actual edición de «Corrente cultural» e exponse como un chamamento á acción e a reflexión. Convídanos a apreciar a diversidade da vida salvaxe, a recoñecer a súa importancia para a sostibilidade do noso planeta e a asumir a responsabilidade da súa conservación. Nun mundo cada vez máis consciente da necesidade de preservar o noso medio ambiente, «Fauna esencial» inspíranos a valorar e respectar as nosas especies, asegurando, así, un futuro máis harmonioso e equilibrado para todas as formas de vida na Terra.
Innovación social e solidariedade
«Nós tamén fomos emigrantes» consiste nunha selección de corenta fotografas da emigración, tanto española como galega, procedentes dos arquivos da Axencia EFE. O obxectivo é o de tratar de achegarnos a esa realidade histórica a través dunha síntese fotográfica das migracións mediante a mirada profesional e humana dos fotoxornalistas da época. É a historia de «millóns de españois que tiveron que abandonar a súa terra para sobrevivir», en palabras de Miguel Ángel Gozalo, director da Axencia EFE entre 1996 e 2004.