
Manuel Isorna Folgar, en «Educación século XXI» na Sede Afundación Afundación Ferrol e Afundación TV
11.03.2022. A Sede Afundación de Ferrol e Afundación TV acollerán o próximo xoves 17 de marzo, ás 19.00 h, a conferencia de Manuel Isorna Folgar, «Adolescentes: familias confundidas» no marco do ciclo «Educación século XXI». En Afundación TV, a conferencia poderase seguir desde aquí e para asistencia presencial, o formulario de inscrición está aquí. Esta conferencia contará con servizo de interpretación simultánea en lingua de signos. Cada vez máis nais, pais e educadores séntese incapaces de afrontar os novos desafíos que supón educar as fillas e fillos. O uso do móbil, Internet, os videoxogos, WhatsApp e as redes sociais, o consumo intensivo de alcohol e a aparición de novas drogas supoñen un escenario verdadeiramente incerto e complicado que require dunha fonda reflexión como sociedade. Decote, xorde a pregunta de que teñen na cabeza as e os adolescentes cando incorren en diferentes prácticas de risco, mais non menos importante é preguntarse en que están a fallar familias, Administración e institucións. Un experto no eido da prevención de drogodependencias e condutas aditivas e da investigación social comparte en voz alta as súas reflexións nun intento de encontrar algunhas das claves para entender e previr. O profesor Manuel Isorna Folgar, da Universidade de Vigo, tentará reflexionar cunha conferencia no Auditorio da Sede Afundación de Ferrol sobre este sempre difícil reto de educar.
Manuel Isorna Folgar
É doutor en Psicoloxía e profesor da Universidade de Vigo. Desenvolveu o seu labor profesional como responsable de prevención de drogodependencias do Concello de Catoira durante 25 anos, polo que recibiu en 2012 o Premio Raíña Sofía e en 2013 o premio da FEMP polas Boas prácticas en drogodependencias. É autor de numerosos libros e artigos científicos vinculados ao ámbito da educación, os adolescentes e o consumo de drogas. Exerce como presidente do comité organizador do Congreso Internacional sobre Cannabis e os seus Derivados: Saúde, Educación e Lei. É profesor da academia galega de seguridade pública, na cal se forman as forzas de seguridade do Estado en temas de drogodependencias e condutas aditivas.
Este evento enmárcase na iniciativa solidaria de apoio a Ucraína no marco do proxecto «Cultura por alimentos» que, a raíz do drama humanitario que se vive neste país, se implica tamén coas persoas refuxiadas e a súa cidadanía. Afundación invita os asistentes ao acto a que, seguindo as recomendacións das entidades que están a traballar sobre o terreo, entreguen prioritariamente alimentos precociñados e latas de conserva, alimentos infantís, produtos hixiénico-sanitarios infantís e femininos e medicamentos e material de primeiros auxilios, que poderán depositar á entrada do recinto nos colectores dispostos para este fin. O acceso á conferencia será a cambio da entrega dalgún destes produtos.
«Educación século XXI»
A necesidade de consolidar un marco de educación asentado en valores éticos e de comprensión e apoio recíproco de toda a comunidade educativa é un dos principios que se seguen nas actividades didácticas desenvolvidas en Afundación. «Educación século XXI» de Afundación, a Obra Social de ABANCA, é un programa no que se quere destacar a importancia dunha educación asentada en valores no que docentes, nenas e nenos e as súas familias poidan coñecer técnicas, mecanismos e estratexias que favorezan a convivencia no contorno escolar para a consolidación dunha sociedade cohesiva e solidaria na que a igualdade e o respecto sexan os alicerces das relacións interpersoais.
Os contidos están accesibles tamén en diferido e difúndense a través das RRSS da Obra Social de ABANCA, co obxectivo de que estean ao alcance de toda a poboación, provéndoa, así, de ferramentas que contribúan a mellorar a nosa sociedade no seu conxunto.
Toda a información da actividade de Afundación, na nosa SALA DE PRENSA.