Afundación presenta en Vilagarcía de Arousa «Lume», unha mostra para reflexionar sobre a problemática dos incendios forestais en
Afundación, a Obra Social de ABANCA, en colaboración co Colectivo OLLO, presenta en Vilagarcía de Arousa o seu proxecto expositivo «Lume. Imaxes dunha Terra que arde». Trátase dunha mostra fotográfica de rúa enmarcada na estratexia de sostibilidade transversal da organización, conformada por un total de 13 paneis con fotografías realizadas durante os últimos 15 anos en Galicia por profesionais da imaxe co obxectivo de abordar unha das problemáticas máis preocupantes dos ecosistemas galegos: os incendios forestais. A través das imaxes e da peza audiovisual que conforman «Lume. Imaxes dunha Terra que arde» trázase unha narrativa sobre os incendios forestais que apela ao espectador, xerando nel preguntas e respostas, dun xeito sensible pero reflexivo, acerca das causas e das consecuencias desta lacra que cada verán asola Galicia.
A mostra, que tamén conta coa colaboración do Concello de Vilagarcía de Arousa, poderase ver na avenida da Mariña (antiga Capitanía) desde hoxe ata o vindeiro 30 de xullo.
A EXPOSICIÓN «LUME. IMAXES DUNHA TERRA QUE ARDE»
Os incendios forestais son un dos grandes problemas ambientais aos que se enfronta Galicia. A través da mirada íntima dos fotoxornalistas e as sensacións que as súas imaxes trasladan, o obxectivo é apelar directamente ao espectador para, a través das emocións, implicar á cidadanía na busca da solución a este desafío.
Os autores e autoras son profesionais da fotografía e do audiovisual independente, que desenvolven o seu traballo para diferentes medios galegos e nacionais, mais desenvolven un labor fotográfico paralelo máis persoal enfocado cara ao documentalismo pausado. Vanessa Casteleiro, Óscar Corral, Agostiño Iglesias, Brais Lorenzo, Adra Pallón, Óscar Pinal e Paula Quiroga son os nomes que están detrás das imaxes que conforman a exposición. Trátase de escenas impactantes, que amosan as sensacións da experiencia vivida pola poboación que tivo que sufrir un incendio, así como da experiencia dos traballadores e traballadoras implicados nos labores de extinción, invitando así a crear un espazo para a reflexión.
O novo panorama medio ambiental que se nos está a presentar, así como a propia acción do ser humano no territorio, contribúen a alterar os réximes dos incendios. Así, debemos traballar conxuntamente nunha mirada renovada fronte o lume, aportando novas liñas de traballo alén da extinción na que a implicación cidadá é vital. A experiencia demostra que poñer o foco na sensibilización e prevención axuda a que a poboación este máis preparada e as paisaxes sexan máis resistentes ante o lume.
Imaxes dispoñibles AQUÍ