Os IES Xoán Montes e Félix Muriel gañan con proxectos de emprendemento sostible o concurso «Empresa familiar nas aulas» de AGEF
Dous proxectos do IES Xoán Montes de Lugo e do IES Félix Muriel de Rianxo (A Coruña) resultaron gañadores do concurso «Emprender é soñar, apúntaste?», organizado pola Asociación Galega de Empresa Familiar (AGEF) e Afundación no marco do programa de emprendemento «Empresa familiar nas aulas». Na súa IV edición participaron máis de 900 alumnos de toda Galicia e 18 empresas familiares socias de AGEF. A entrega de premios tivo lugar esta mañá no Auditorio ABANCA de Santiago de Compostela.
Na categoría de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) o primeiro premio recaeu en «Elsaméticos», presentado por un grupo de cinco estudantes do IES Xoán Montes de Lugo. O seu proxecto de empresa céntrase na fabricación de produtos cosméticos a partir de residuos orgánicos (cascas de laranxa) e contempla a recollida das cascas nas propias plantacións, a súa transformación en produtos cosméticos de alta calidade (champú, xabón, deterxente e ambientador) e o envasado en botes reciclados.
Na categoría de Bacharelato, o premio outorgouse a «A gran laranxa», presentado por catro alumnos do IES Félix Muriel de Rianxo (A Coruña). Neste caso, o proxecto de empresa baséase na reutilización de laranxas en mal estado para fabricar produtos de valor engadido, como caixas, cestas, ambientadores ou roupa.
O presidente de AGEF, José Bernardo Silveira, encomiou o gran traballo realizado por todos os estudantes que participaron no certame: «O noso obxectivo con esta formación práctica é fomentar o espírito emprendedor e concienciar aos estudantes sobre a importancia do coidado do medio ambiente, proporcionándolles ferramentas prácticas e exemplos reais de empresa. Para completar os seus proxectos, os alumnos realizaron as cinco fases do proceso: empatizar, idear, seleccionar ideas, prototipar e presentar finalmente un concepto de empresa innovador, sostible e con viabilidade de negocio».
Pola súa banda, Pedro Otero, director xerente de Afundación, felicitou a todas e todos as estudantes «polo extraordinario resultado e polo esforzo que dedicastes a elaborar as vosas propostas, que, cónstame, puxeron en apuros aos integrantes do xurado. Non lles foi nada doado alcanzar unha decisión, precisamente, porque calquera dos proxectos finalistas podería alzarse co primeiro premio. Situastes o listón moi alto, demostrastes saber conxugar economía, ética e sostibilidade. E por iso mesmo, trasládovos o noso profundo recoñecemento, e debo dicirvos que nos resulta alentador comprobar a vosa implicación e resolución».
18 empresas familiares fomentando o espírito emprendedor
«Empresa familiar nas aulas» ten como obxectivo fomentar o espírito emprendedor da mocidade galega. Nesta cuarta edición, ademais das charlas de 18 empresarios en centros educativos e as visitas dos estudantes ás compañías familiares participantes, o programa incluíu un taller práctico de economía circular.
En total concursaron 29 proxectos de estudantes de ESO de oito institutos galegos e 6 de alumnos de bacharelato doutros catro centros. Xunto aos dous gañadores, resultaron finalistas na categoría de ESO os proxectos «Orange Estafe», do Pilar Maristas de Vigo, e «Sacex», de San José de Cluny de Santiago de Compostela. En bacharelato, foron finalistas o proxecto «Lillan», do IES A Sangriña da Guarda (Pontevedra), e «Splastic», do IES María Casares de Liáns (A Coruña).
Os estudantes participantes debían atopar solucións innovadoras para reutilizar materiais e transformalos en produtos ou servizos de valor engadido, coa axuda de ferramentas de prototipado e modelos de design thinking. Os alumnos de ESO e bacharelato traballaron en equipo, cun público obxectivo e un residuo específico, para identificar necesidades ou oportunidades, crear un concepto de empresa e presentar os seus traballos finais ao concurso «Emprender é soñar, apúntaste?».
O xurado do concurso, integrado por José Bernardo Silveira Martín, presidente de AGEF; José Manuel Mourelo, coordinador de RSC de Afundación; Berta Rivera Castiñeiras, directora da Cátedra UDC; e Carlota López Pardo, adxunta á presidencia de Aresa Investimentos, valorou en todos os proxectos as ideas, o produto final, o traballo en equipo e as habilidades de comunicación dos participantes.
Imaxes da entrega de premios, dispoñibles AQUÍ.