
Os estudantes do centro de FP Afundación da Coruña retiran case 300 quilos de lixo mariño das praias de Baldaio e Razo
Máis de 160 estudantes e docentes do Centro de Formación Profesional Afundación da Coruña participaron esta mañá nunha xornada de retirada de residuos mariños nas praias carballesas de Razo e Baldaio, un lugar moi sensible e con importante valor medioambiental, no que cría unha especie emblemática e ameazada, a pequena píllara das dunas (Charadrius alexandrinus). Esta é a segunda actuación en 2023 nesta zona no marco do programa medioambiental PLANCTON, impulsado por Afundación.
Nesta nova xornada de limpeza, que comezou ás 10 da mañá, as persoas voluntarias participantes retiraron fundamentalmente obxectos plásticos de orixe terrestre e facilmente recoñecibles, como bolsas e envoltorios, numerosas tapas e tapóns e bastonciños de limpar os oídos, restos de envases e botellas. Tamén atoparon chisqueiros, moitas cabichas, bolígrafos, toallas hixiénicas ou un mango dun coitelo. Ademais retiráronse outra serie de obxectos relacionados coa actividade pesqueira, como unha maroma de máis de 30 metros, restos de cabos e cabiños, sedelas enmarañadas, ou restos de boias e outras escumas plásticas, así, ata completar os case 300 quilos que indicou a pesada final coa que concluíu á actividade.
A de hoxe foi a décima actuación no que vai de ano no marco de PLANCTON en distintos enclaves de Galicia, superando xa as 47 toneladas de lixo mariño retiradas das costas e fondos da comunidade desde que este plan de conservación territorial impulsado por ABANCA e Afundación se puxo en marcha hai tres anos. O seu obxectivo é, ademais de contribuír a reducir o impacto dos residuos na costa, fomentar a conservación e sostibilidade do conxunto de actividades sociais e económicas realizadas no mar, especialmente en zonas como a de hoxe, de Especial Protección para as Aves dentro da Rede Natura 2000 de Galicia.
PLANCTON, unha iniciativa galardoada na última edición dos Premios Economía Azul cun recoñecemento especial pola súa «importante relevancia para o conxunto do sector, especialmente na protección do medio ambiente», procura así mesmo promover xeitos de actuar responsables que permitan manter os recursos sen chegar a comprometelos para as xeracións futuras, todo elo, acorde ao compromiso de ABANCA e a súa Obra Social cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, especialmente cos ODS13 Acción polo clima, ODS14 Vida submarina e ODS17 Alianzas para lograr obxectivos.
As imaxes da limpeza de hoxe están dispoñibles na seguinte ligazón.