
Os espazos +60 de Afundación presentan as súas propostas para o novo curso
Os espazos +60 de Afundación, a Obra Social de ABANCA, presentan a súa nova programación de actividades para o curso 2022-2023. Deseñáronse novas propostas centradas especialmente na xestión das emocións, a reflexión sobre os seus proxectos de vida e o fomento das relacións interpersoais.
A información das actividades está na seguinte ligazón:
https://www.afundacion.org/es/agenda/evento/actividades-presenciales-y-online-curso-2022-23-espazos-60
Os programas que se presentan para 2022-2023 ofrecen propostas de fomento da aprendizaxe ao longo da vida, o benestar, o desenvolvemento persoal, a xestión das emocións e o aproveitamento da experiencia vital e profesional das persoas maiores a través de proxectos interxeracionais e de voluntariado. De maneira transversal, os programas centraranse igualmente en crear oportunidades para que as distintas xeracións estean conectadas e en promover unha imaxe social desta poboación afastada de estereotipos.
OS PROGRAMAS NA MODALIDADE PRESENCIAL
Un dos retos de Afundación na súa área +60 é facilitar oportunidades para que as persoas maiores sigan desenvolvendo o seu proxecto vital a través de accións baseadas no modelo de envellecemento activo promovido pola Organización Mundial da Saúde (saúde, aprendizaxe permanente, participación social e seguridade).
- Tecer relacións e seguir adiante. Saír a pasear e conversar, en contornos abertos, gozando da conversación ao aire libre e a compañía. Destinado a aquelas persoas que necesitan un apoio para saír de casa e conectar cos demais.
- Coñecernos mellor e continuar o noso proxecto de vida. As propostas de «Coñecendo as emocións», que animan a comprender o proceso emocional e xestionar as emocións na vida cotiá, e «Historias vividas», na que cada unha das persoas participantes poderá plasmar nun libro a historia da súa vida, constitúen os dous alicerces desta liña.
- Conectarnos coa xente aproveitando as tecnoloxías. As relacións interpersoais teñen na canle dixital un aliado que convén coñecer e saber manexar a calquera idade.
- Gozar, aprender e relacionarse. Os espazos +60 de Afundación contan cunha gran variedade de oferta formativa, que abarca desde contidos de música tradicional ou creación artística ata idiomas e propostas de actividades físicas para diferentes niveis.
AS PROPOSTAS ONLINE
O programas organizádo en torno a dúas áreas:
- Cultura dixital. Coñecer as nocións fundamentais para un correcto manexo de todas as posibilidades, redes sociais e aplicacións dixitais ao noso alcance é un requisito esencial para o uso seguro dos recursos das novas tecnoloxías.
- Aprendizaxe permanente. O coñecemento de idiomas, de xadrez, música, historia da arte, literatura ou do patrimonio cultural galego, é parte tamén da programación +60 de Afundación na súa modalidade online.