Os actores Josito Porto e David Amor convidan a reflexionar sobre o turismo e a xentrificación na obra teatral 'Go Home'
Unha comedia para abordar un asunto moi serio: a xentrificación provocada polo turismo de masas. Esa é a proposta para o público da obra de teatro Go Home, que chega ao Teatro Afundación o venres 21 de novembro ás 21 horas. Os actores Josito Porto e David Amor protagonizan o espectáculo. As entradas están á venda en Ataquilla.com.
Hai imaxes de Go home nesta ligazón
Porto e David Amor, coñecidos tamén pola súa participación en series, películas ou programas de televisión, case sempre en clave de comedia, danlle vida aos protagonistas da trama. Nela, un fanático do turismo que xa fixo todo tipo de aventuras, proba cunha nova experiencia: un viaxe sorpresa, a cegas. E chegará ao Cebreiro para pasar unha noite. Alí atopa a alguén da zona con quen vive unha complicada experiencia.
Comedia negra
A obra é unha comedia negra edificada sobre tres eixos: reflexión, diversión e investigación escénica. Diríxea Tito Asorey, quen coa comedia Somos criminais, tamén para dous actores, conseguiu rexistros históricos de público dende 2018: máis de 60.000 persoas asistirían ao espectáculo. Asorey é ademais coñecido como actor pola súa participación en producións audiovisuais coma Rapa, Néboa ou o filme Arima. En 2019 dirixiu a adaptación teatral do libro xornalístico Fariña.
Os promotores da obra explican que é unha comedia comprometida coa realidade, e que trata «unha das temáticas máis de actualidade do momento: o turismo e a xentrificación».
Touriñán e Perdomo, dous días despois
Outros dous referentes dos escenarios e da comedia en Galicia, Touriñán e David Perdomo, chegan dous días despois ao teatro da Obra Social de ABANCA en Vigo para protagonizar Amoriños. Será o 23 de novembro en dobre función: ás 18:00 horas e ás 20:30 horas. Describen a obra, referíndose a un coñecido programa de televisión que xunta a persoas que buscan parella, como «un First Dates á galega, humor salvaxe e moito corazón».
Perdomo e Touriñán reeditan un encontro sobre os escenarios que resultou moi exitoso co espectáculo Corentena, que daría lugar á secuela Corentena Game Over. Son escasísimas as entradas aínda dispoñibles en Ataquilla.com para a primeira función, a das 18:30 horas.