Lolita Flores presenta no Teatro Afundación Poncia, o monólogo da criada da casa de Bernarda Alba
«Un novo mirar dentro da casa de Bernarda Alba». Esa é a proposta do monólogo Poncia, que a actriz e cantante Lolita Flores presenta no Teatro Afundación o vindeiro mércores, 5 de xuño (20.30 h). «Poncia fala de suicidio, de liberdade, de culpa, de clase, de educación, de sexo e fálao con toda a forza da voz que foi maltratada e calada», asegura o director e autor desta peza teatral, Luis Luque. As últimas entradas dispoñibles están á venda en Ataquilla.com.
O texto foi escrito a partir das intervencións do personaxe de Poncia na obra de Federico García Lorca. Conta Luis Luque, o seu autor, que converte en «reflexión, en soliloquios, en diálogos con pantasmas e sombras» as intervencións escritas por García Lorca para a criada da casa na coñecidísima versión orixinal da obra. Lolita Flores interpreta a Poncia en momentos posteriores ao falecemento de Adela, a filla máis nova de Bernarda Alba. No silencio da casa, a criada reza, reflexiona, e diríxese á matrona da casa e ás súas fillas.
Máis teatro
O espectáculo é o terceiro dos programados polo Teatro Afundación na primeira semana do mes de xuño. A programación do mes inclúe outras catro propostas, todas en clave de humor. Trátase dos monólogos de Daniel Fez (7 de xuño), Miguel Lago (14 de xuño) e Luis Chataing, o sábado 22 de xuño. Ademais, o 8 de xuño, o público do Teatro Afundación poderá ver Buscas Parella? (Speed Dating), unha comedia fresca e divertida que combina a stand up comedy coas escenas de convivencia entre dúas persoas que teñen unha relación.
Imaxe dispoñible nesta ligazón.