Lola Herrera, Natalia Dicenta e Carlos Olalla chegan ao Teatro Afundación con 'Camino a la Meca'
Tres grandes intérpretes do teatro e o audiovisual español das últimas décadas protagonizarán o mércores 10 de decembro a última das obras programadas neste 2025 na Tempada de Abonos do Teatro Afundación de Vigo. Lola Herrera, Natalia Dicenta e Carlos Olalla daranlle vida aos personaxes de Helen Martins, Elsa Barlow e o pastor relixioso Marius Byleveld. Son os protagonistas de Camino a la Meca. A obra trata sobre o illamento, a loita interna e a individualidade fronte á pertenza a un grupo. O racismo ou a violencia tamén desfilan polo texto. Apenas quedan localidades dispoñibles en Ataquilla.com para ver o espectáculo.
Camino a la Meca inspírase nunha muller real, Helen Martins, que fixo do xardín da súa casa en Sudáfrica un museo ao aire libre con esculturas creadas por ela mesma mirando dispostas á Meca. A súa iniciativa causou estupor entre a veciñanza. A historia transcorre en 1974, nos duros e tensos anos do apartheid en Sudáfrica.
«Un ser que persegue o desexo»
A dirección do espectáculo é do arxentino Claudio Tolcachir (1975). Tamén actor e dramaturgo, Tolcachir ten unha ampla traxectoria tanto na súa Arxentina natal coma en Italia ou en España.
Asegura Tolcachir que cando leu por primeira vez Camino a la Meca escoitou «a voz de Lola Herrera latexando en cada texto». O resultado é a montaxe que chega ao Teatro Afundación o 10 de decembro. Con Herrera interpretando a Helen Martins, un personaxe que o director da obra define coma «alguén que prefire as preguntas ás certezas, que valora a súa liberdade e a súa autonomía enfrontando ao seu tempo e ao mundo que a rodea».
Fin da temporada de abonos
Cando remate o pase de Camino a la Meca, terán sido un total de 12 espectáculos de abono os programados en Vigo durante o ano 2025. O primeiro, en xaneiro, foi a obra La colección, protagonizada por José Sacristán. Dende entón, pasaron polas táboas do Teatro Afundación intérpretes e grupos como María Adámez, María Galiana, Gabino Diego, Ana Torrent ou Els Joglars, dirixidos por grandes nomes da escena española como Helena Pimenta ou Juan Echanove.
O equipo de Cultura de Afundación traballa xa na programación da Tempada de Abonos de teatro 2026.
«Cultura por alimentos»
A Tempada de Abonos do Teatro Afundación forma parte do programa solidario «Cultura por alimentos», desenvolto pola Obra Social de ABANCA en colaboración coa Federación Española de Bancos de Alimentos (FESBAL). Os asistentes aos espectáculos poderán colaborar depositando alimentos non perecedoiros nos contedores dispostos para tal fin no Teatro Afundación de Vigo. As doazóns serán distribuídas por FESBAL entre familias en risco de exclusión de Vigo e a súa área de influencia.
Hai imaxes do espectáculo nesta ligazón