Lola Herrera chega a Afundación en Pontevedra con Adictos, un thriller distópico sobre a desinformación
A actriz Lola Herrera subirase ao escenario do Auditorio Afundación de Pontevedra o vindeiro xoves 7 de decembro ás 20.30 h. Farao á fronte do elenco de Adictos, un thriller teatral que confronta ao espectador cos problemas de dependencia tecnolóxica que sofre actualmente a nosa sociedade. A partir dunha posta en escena moi pouco convencional, a obra enfróntanos a temas como o nivel de dependencia tecnolóxica que adquirimos ou a expansión progresiva da desinformación. Magüi Mira dirixe o espectáculo, de cuxo elenco tamén forman parte as actrices Ana Labordeta e Lola Baldrich. As entradas xa están dispoñibles en Ataquilla.com.
A obra desenvolve sobre as táboas unha trama distópica na que Lola Herrera interpreta a Estela Anderson, unha científica de extraordinaria intelixencia que descobre que o seu traballo vai ser utilizado en contra da humanidade. Lola Baldrich convértese en Adictos na doutora Soler, xefa do departamento de psiquiatría dun avanzado hospital. Ana Labordeta interpreta a Eva Landau, recoñecida xornalista e escritora.
Adictos expón unha aventura en forma de thriller social e político. Os seus protagonistas serven como altofalante de inquietudes que compartimos todos. A desinformación, a adicción ás redes sociais ou o individualismo e egoísmo son algúns dos grandes problemas sobre os que nos convida a reflexionar a obra.
Con Adictos péchase a Tempada de Teatro do outono en Pontevedra. Desde hoxe están dispoñibles en Ataquilla os novos abonos para a nova tempada que acollerá a Sede Afundación da cidade do Lérez de xaneiro a xuño de 2024, na que participarán algúns dos intérpretes máis relevantes da escena española como Lolita Flores, Alejo Sauras ou o galego Christian Escuredo.
Hai imaxes e un dossier do espectáculo na seguinte ligazón.