Chegan ao Auditorio da Sede de Afundación en Pontevedra «El gran musical de los 80 a los 90»
Seis amigos e amigas que compartiron estudos de educación secundaria a partir de inicios dos anos 90 reúnense despois de 25 anos na inauguración do bar dun deles, La movida del bacalao, e volven sobre os seus recordos, ou reflexionan sobre o xeito no que lles cambiou a vida. E a partir de aí desprégase a trama de El Gran Musical de los 80 y los 90, o espectáculo que o público do Auditorio da sede de Afundación en Pontevedra poderá desfrutar o domingo 20 de outubro. O espectáculo homenaxea a música que triunfou nas últimas décadas do pasado século en España: desde El Canto del Loco a Mónica Naranjo, La Oreja de Van Gogh, Carlos Baute, ou as cantantes americanas Beyoncé e Shakira. Aínda hai entradas á venda en Ataquilla.com.
El Gran Musical de los 80 y los 90 é unha comedia musical que permaneceu durante meses no Teatro Gran Vía de Madrid cun éxito que replica na súa xira por toda España. O espectáculo emprega pantallas LED transparentes de gran tamaño, unha potente iluminación, e un coidado vestiario.
6 cantantes e 6 bailaríns
Son en total 6 cantantes e 6 bailaríns os que conforman o elenco para darlle vida a unha trama chea de comedia pero tamén, e moi especialmente, de emocións. Os espectadores serán testemuñas de como, malia que o paso do tempo transformou as vidas dos personaxes, seguen sendo fieis a si mesmos.
Cun ambiente inspirado nos coñecidos álbums musicais de finais do pasado século e comezos do actual denominados Caribe Mix, os amigos recrean as súas vidas coas cancións coas que vibraron durante a súa mocidade.
Afundación programa no Auditorio da súa sede en Pontevedra un total de 18 espectáculos entre os meses de setembro e decembro. En novembro, o público poderá desfrutar de montaxes teatrais coma Mentiras inteligentes, con María Luisa Merlo á fronte do elenco, ou do monólogo co que Mocho Borrajo despide a súa carreira sobre os escenarios: O meu último espectáculo. A programación ata final de ano tamén inclúe concertos que serán tributos a grandes clásicos da música popular coma Joaquín Sabina, Pink Floyd ou a banda británica de música rock Queen.
Imaxe do espectáculo nesta ligazón.