
O voluntariado do programa PLANCTON de Afundación retira en Cíes máis de 100 quilos de residuos e flora exótica invasora
Máis de 75 persoas voluntarias do Plan de Conservación Territorial On (PLANCTON) impulsado por Afundación, a Obra Social de ABANCA, desembarcaron na mañá de hoxe na Illa de Monteagudo para levar a cabo unha dobre xornada de limpeza de lixo mariño e de retirada de flora exótica invasora no arquipélago de Cíes, dentro do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, na que retiraron máis de 100 quilos.
Unha parte do grupo de persoas voluntarias de Actúa, o programa de voluntariado de Afundación, traballou arreo durante toda a mañá xunto con varios integrantes do Grupo Naturalista Hábitat en distintos lugares do arquipélago nos que procederon á retirada de diferentes especies de flora exótica invasora, fundamentalmente Conyza canadensis, unha especie de orixe norteamericana introducida en Galicia a mediados do século XIX e amplamente expandida hoxe en día polos cinco continentes por mor da falta de inimigos naturais nos lugares que coloniza unido ao gran número de sementes que produce ao longo de todo o ano. A acción de retirada centrouse así mesmo nos brotes novos das acacias e dos eucaliptos.
O resto de voluntarias e voluntarios que tomaron parte nas actividades dedicaron o seu esforzo á retirada dos residuos que atoparon nos bordos e proximidades dos camiños, obxectos que por mor do vento e da climatoloxía poderían ter chegado ao mar, fundamentalmente cabichas, máscaras, restos de envoltorios de aperitivos, golosinas ou xeados, pallas, tapas e tapóns, envases e outra serie de obxectos plásticos de difícil identificación en canto a súa orixe. Polo que respecta ás praias, bastante limpas por mor das continuas actuacións de limpeza levadas a cabo de xeito regular por diferentes colectivos, ademais dos habituais bastonciños plásticos de limpar os oídos, as persoas voluntarias participantes atoparon obxectos extraviados durante o exercicio da actividade pesqueira, como os tarugos plásticos empregados nas bateas para o cultivo do mexillón, anacos de cordas, de cabos, e de cabiños, escumas sintéticas, anacos de poliestireno e pequenos acúmulos de sedelas e redes enmarañadas.
Despois dos traballos da mañá, as persoas voluntarias participaron pola tarde nunha ruta interpretativa na que coñeceron moitos dos tesouros que conforman o rico patrimonio natural co que contan as illas deste arquipélago. Esta actividade enmárcase no obxectivo xeral de PLANCTON de despertar unha conciencia sostible na sociedade en xeral, con diversas actividades de sensibilización e formación, que se suman ás accións de limpeza.
Coa de hoxe son xa sete as actividades de retirada de lixo mariño levadas a cabo no seo de PLANCTON no que vai de ano, unha tempada na que xa se levan recollidas máis de de cinco toneladas e media de residuos. En total, o programa PLANCTON suma xa máis de 25 toneladas recollidas desde que principiara esta iniciativa no mes de marzo do pasado ano.
Dentro do seu compromiso cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, especialmente cos ODS13 Acción polo clima, ODS14 Vida submariña e ODS17 Alianzas para lograr obxectivos, Afundación pretende a través de PLANCTON fomentar a conservación e a sustentabilidade das actividades socioeconómicas levadas a cabo na contorna das áreas de influencia das Zonas de Especial Protección de Aves Mariñas de Galicia (ZEPA) e doutros lugares de interese dentro da Rede Natura 2000.
As imaxes da xornada están dispoñibles aquí