Mergulladores convocados por Afundación retiran máis de 2 toneladas de residuos dos fondos do Areoso
Máis de 50 persoas voluntarias convocadas por Afundación, a Obra Social de ABANCA participaron durante esta mañá nunha nova limpeza de fondos mariños na contorna do illote Guidoiro Areoso, a cuarta acción realizada nesta zona no marco de PLANCTON, o Plan Conservación de Territorial impulsado pola Obra Social de ABANCA. O obxectivo desta nova actuación é, ademais da retirada de residuos, 2250 quilos na xornada de hoxe, e o beneficio ambiental que representa, tratar de promover na sociedade, formas de actuar responsables que permitan manter os recursos sen comprometelos para as xeracións futuras.
Ás dez da mañá, o grupo de submarinistas pertencentes á Confraría de Pescadores da Illa de Arousa e ao Club Subacuático Pérez-Sub, iniciaron as inmersións nas zonas preestablecidas para desenvolver a actividade. Nasas, restos de cabos e cordas de diferentes grosores, conxuntos de redes enmarañadas e outros apeiros extraviados durante a actividade pesqueira, o que se coñece como «pesca pantasma», foron os obxectos máis numerosos localizados polas persoas voluntarias nas augas que circundan o illote arousán. O equipo participante na convocatoria retirou tamén, aínda que en menor medida, outra serie de refugallos cuxo orixe pode vincularse ás actividades turísticas ou de recreo desenvoltas no lugar, como restos de envases, vidros e diversos obxectos plásticos.
Unha vez rematadas as inmersións, os residuos recolleitos foron transportados ata o porto de Xufre onde se procedeu a súa descarga, clasificación e pesada, labores coas que adoitan a concluír este tipo de actividades de voluntariado ambiental no seo deste plan de conservación territorial.
Ademais da confraría e do clube de mergullo, a actividade contou coa colaboración da Federación Galega de Actividades Subacuáticas, do Servizo Marítimo da Garda Civil, Protección Civil de Vilanova de Arousa, o Concello da Illa de Arousa, ademais do voluntariado do programa Actúa de ABANCA e Afundación.
Nas catro acciones deste tipo levadas a cabo nos fondos perimetrais do illote Guidoiro Areoso durante o últimos tres anos, retiráronse nesta contorna máis de 6 toneladas de residuos contribuíndo así á protección da biodiversidade deste enclave situado no corazón da Illa de Arousa, cuns significativos valores ambiental, arqueolóxico, xeolóxico, paisaxístico e económico.
Tras esta nova xornada de limpeza, son xa máis de 42 as toneladas de residuos retiradas no marco de PLANCTON das costas e fondos de Galicia, un programa que procura fomentar a conservación e sustentabilidade das actividades socioeconómicas realizadas no mar a través dun gran eixo vertebrador de diferentes axentes. Recentemente foi recoñecido pola Xunta de Galicia co Premio Especial Economía Azul pola súa «importante relevancia para o conxunto do sector, especialmente na protección do medio ambiente», tanto polas propias actuacións de retirada de residuos, como pola súa preocupación por espertar unha conciencia sostible na sociedade a través de diferentes actividades de sensibilización e formación sobre os valores intrínsecos da biodiversidade e da súa conservación.
Todo isto acorde co compromiso de ABANCA e Afundación cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, especialmente cos ODS13 Acción polo clima, ODS14 Vida submarina e ODS17 Alianzas para lograr obxectivos.
As imaxes da xornada están dispoñibles nesta ligazón.