O voluntariado Actúa de Afundación retira milleiros de bólas de plástico da praia de Lariño en Muros e Carnota
. Preto de 60 persoas, principalmente estudantes do centro de Formación Profesional Colegio Hogar Afundación, convocadas pola Obra Social de ABANCA e o seu programa de voluntariado Actúa, participaron esta mañá nunha intensa xornada de limpeza na praia de Lariño, nos concellos de Muros e Carnota. As tarefas centráronse principalmente na retirada do areal de bólas de PET (tereftalato de polietileno) dun diámetro inferior aos 5 mm empregadas como materia prima para a industria plástica. O obxectivo é contribuír a paliar na medida do posible o seu impacto ambiental, despois de que un barco, o Toconao, perdera parte da súa carga fronte ás costas portuguesas a principios do mes de decembro e que está espallando estes elementos en distintos puntos da costa galega, principalmente das Rías Baixas.
A actividade, que contou coa colaboración do Concello de Muros, desenvolveuse entre as 10.00 e as 13.00 h ao longo de toda a praia, fundamentalmente na liña de marea marcada polas arribazóns, onde pequenos grupos de persoas voluntarias retiraron minuciosamente as pequenas bólas plásticas, empregando diversos utensilios como peneiras e coadoiros para poder cribar adecuadamente estes residuos de pequeno tamaño das areas da praia. Ademais, retiráronse tamén outro tipo de refugallos que adoitan a encontrarse nas limpezas de praias, como pequenos anacos de cordas, cabos e cabiños, tarugos plásticos das bateas, sedelas enmarañadas ou os restos de envases plásticos por citar tan só algúns dos máis abundantes.
Segundo os datos reflectidos tralos labores de clasificación e reconto coas que concluíu a actividade, retiráronse do areal máis de 135 quilos de refugallos, entre eles varias decenas de miles de bólas de PET que conseguiron quitar as persoas voluntarias durante o minucioso traballo de peneirado realizado.
Esta nova xornada de limpeza é a primeira desenvolvida no marco de PLANCTON en 2024. O plan de conservación territorial impulsado pola Obra Social de ABANCA que inicia xa a súa cuarta edición, leva retiradas máis de 52 toneladas de refugallos grazas a implicación de máis de 2300 persoas voluntarias. O seu obxectivo é, ademais de contribuír a reducir o impacto dos residuos na costa, fomentar a conservación e sostibilidade do conxunto de actividades sociais e económicas realizadas no mar.
PLANCTON, unha iniciativa galardoada co primeiro premio nacional de Medio Ambiente na última edición dos premios de CECA e co Premio Economía Azul da Xunta de Galicia cun recoñecemento especial pola súa «importante relevancia para o conxunto do sector, especialmente na protección do medio ambiente», procura así mesmo promover xeitos de actuar responsables que permitan manter os recursos sen chegar a comprometelos para as xeracións futuras. Todo elo, acorde ao compromiso de ABANCA e a súa Obra Social cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, especialmente cos ODS13 Acción polo clima, ODS14 Vida submarina e ODS17 Alianzas para lograr obxectivos.
As imaxes da limpeza de hoxe están dispoñibles nesta ligazón