Afundación celebra o Día das Letras Galegas de Luísa Villalta cun proxecto lúdico e educativo
Afundación, a Obra Social de ABANCA, presenta o seu proxecto lúdico e didáctico para celebrar o Día das Letras Galegas. A iniciativa ten como obxectivo principal fomentar aprendizaxe a través do xogo, permitindo que todas e todos, desde nos máis pequenos ata os maiores, descubran e gocen da cultura galega dunha forma emocionante e entretida. As propostas estarán dispoñibles na web Afundación.
Este ano a homenaxeada é a escritora coruñesa Luísa Villalta. Coñecida sobre todo pola súa faceta de poeta, Villalta foi unha das grandes figuras das letras galegas contemporáneas. Escritora, música e activista, o seu labor en favor da cultura galega realizouna non só a través da súa escrita, coa que cultivou diferentes xéneros coma o teatro, a poesía ou a novela, senón tamén como colaboradora en diferentes diarios, así como a través do seu activo compromiso social e político.
Desde a Área Educativa de Afundación deseñáronse diferentes formatos mediante os que achegarse á figura de Luísa. O primeiro deles é un conto interactivo para público infantil e primeiros cursos de primaria, mediante o que profesores e familias poderán ler e xogar á vez. O conto pretende presentar de maneira sinxela e comprensible a Luisa Villalta, tomando como tema principal a fusión da música coa poesía, unha liña temática moi presente na obra de Villalta. Os xogos propostos ao longo do conto son sinxelos retos de vogais con algunha audición cos que ofrecer aos máis pequenos os seus primeiros encontros coas letras e as palabras.
O segundo formato é unha roda de letras con tres niveis diferentes: desde 4º de Educación Primaria ata 2º de ESO; desde 3º de ESO ata Bacharelato e Ciclos Formativos; e para adultos. As rodas, cada unha no seu nivel, son un percorrido pola vida e obra desta escritora: a súa paixón pola música, o ensino e a escritura. O seu activismo social e a súa mestura coas artes plásticas son algúns dos fitos que terán que descubrir na súa roda de palabras.
Afundación, a Obra Social de ABANCA, conxuga con esta actividade a súa vocación de entidade de carácter cultural e formativo, dous dos eixes esenciais que a caracterizan.