As praias do illote Guidoiro Areoso locen sen refugallos tras unha nova limpeza organizada por Afundación
24.03.2021. As costas e praias do Areoso foron o escenario elixido por Afundación para levar a cabo unha nova actividade de retirada de residuos no seo de PLANCTON, o plan de acción territorial capitaneado por esta Obra Social que desde que se iniciara, hai agora un ano, leva xa recollidas practicamente 20 toneladas de refugallos de diferentes localizacións ao longo de toda a xeografía costeira galega.
As imaxes están dispoñibles na seguinte ligazón:
https://drive.google.com/drive/folders/1TOeJUrK3UPXAS-uWbiWOisUGC9k3YX0b?usp=sharing
Nesta ocasión, dada a singularidade do enclave e para non impactar na contorna, a actividade desenvolveuse cun grupo moi reducido de persoas voluntarias, 17 en total, de ABANCA e Afundación, así como da Confraría da Illa de Arousa, do Concello e do Servizo de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia. Os equipos traballaron intensamente ao longo de toda a mañá neste paradisíaco lugar da ría de Arousa recollendo case media tonelada de residuos. Destacan especialmente as cantidades significativas de residuos xerados polos turistas que visitan o illote ou procedentes de actividades desenvolvidas no continente, como cabichas, bastoncillos dos oídos, máscaras, pajitas, restos de envoltorios, envases, latas, tapas, tapóns ou botellas de plástico e vidro. Por outra banda, retiraron obxectos extraviados durante o exercicio da actividade pesqueira como acúmulos de redes, nasas, pequenos anacos de cordas, sedas, tarugos plásticos das bateas, cabos ou cabitos. Así mesmo, as persoas participantes na actividade atoparon tamén tres pneumáticos e un bloque grande de caucho.
Unha vez finalizada a limpeza, e despois de clasificar e pesar os residuos, o equipo de voluntarias e voluntarios retornou ao porto de Xufre nas embarcacións da confraría e do Servizo de Patrimonio Natural, onde se produciu a descarga dos refugallos para proceder a súa posterior xestión.
Coa deste sábado son xa catro as ocasións nas que o voluntariado de Afundación e colaboradores traballan na contorna do Illote Areoso, se ben no caso das tres anteriores os obxectivos das limpezas foron os fondos mariños.
O Plan de Acción Territorial ON no que se enmarca a actividade desenvolvida hoxe é un programa que conta entre os seus obxectivos principais fomentar a conservación dos mares galegos e a sostibilidade das actividades socioeconómicas que se levan a cabo neles, configurándose deste xeito como un dos eixes clave dentro da estratexia de sostibilidade de ABANCA e da propia Obra Social.
Toda a información da actividade de Afundación, na nosa SALA DE PRENSA.