As mariscadoras de Muros e o voluntariado de Afundación retiran 230 quilos de residuos da praia de Ventín
Máis de 40 persoas, fundamentalmente mariscadoras da Confraría de Muros e voluntarias do programa Actúa da Obra Social de ABANCA, uniron as súas forzas para levar a cabo unha nova xornada de limpeza de lixo mariño, sendo o lugar elixido para esta ocasión a praia de Ventín, un enclave no que as correntes mariñas depositan nestes meses de inverno unha importante cantidade deste tipo de residuos.
Os traballos de recollida principiaron a media mañá motivados pola marea, e desenvolvéronse cara á parte superior da praia, onde se acumulaban unha gran cantidade de botellas, envases, tapóns e outra serie de obxectos plásticos de orixe continental, así como nasas, cordas, cabos, cabiños e marañas de sedelas, extraviadas durante a actividade pesqueira. Xunta eles, e mesturadas coas algas de arribazón, varios centos de boliñas plásticas das que están a aparecer por moitas praias de Galicia desde mediados do pasado mes de decembro, cando se detectaron as primeiras na praia de Balieiros, en Corrubedo.
Ao remate da xornada, e tras os labores de clasificación e pesada dos residuos, a báscula reflectiu un total de 230 quilos, unha cifra que sumada a todo o que leva recollido este proxecto desde que botara a andar hai agora catro anos, supera xa as 52 toneladas, contribuíndo deste xeito e na medida do posible, á redución do impacto dos residuos na costa, fomentando a conservación e sostibilidade das actividades sociais e económicas realizadas no mar, motivo polo cal, esta iniciativa acaba de ser recentemente galardoada co Primeiro Premio Nacional de Medio Ambiente nos Premios de CECA e cun Premio Especial na última edición dos Premios Economía Azul da Xunta de Galicia pola súa «importante relevancia para o conxunto do sector, especialmente na protección do medio ambiente», todo iso, de acordo co compromiso de ABANCA e Afundación cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, de xeito especial cos ODS-13 Acción polo clima, ODS-14 Vida submarina e ODS-17 Alianzas para lograr obxectivos, como é o caso deste tipo de colaboracións coas confrarías na mellora e coidado das costas e do mar.
As imaxes da limpeza de hoxe están dispoñibles na seguinte ligazón.