As fotografías de animais en perigo de extinción do prestixioso fotógrafo Tim Flach continúan en Sanxenxo
A obra de Tim Flach, un dos fotógrafos de animais máis recoñecidos a nivel global, preséntase por primeira vez en España da man deste proxecto xurdido da colaboración entre Afundación e a editorial Lunwerg. Tras o seu rotundo éxito nos seus anteriores emprazamentos ―40 000 persoas no Teatro Afundación de Vigo, no Café Moderno Afundación de Pontevedra, na Sede Afundación da Coruña e na Sede Afundación de Santiago de Compostela―, o proxecto «Emocións en perigo» presentouse en Sanxenxo, cunha nova proposta máis aberta e ambiciosa ao ser unha mostra de rúa situada no espigón do Porto Deportivo Juan Carlos I, onde ficará ata o vindeiro 29 de agosto.
As imaxes están dispoñibles aquí.
A través dunha selección de 34 retratos de animais en perigo de extinción fotografados como nunca antes os viramos, Flach asegura que con este proxecto trata de «conectar as persoas coa natureza» cun obxectivo: romper as barreiras que parecen levantarse entre os seres humanos e a natureza a través destas escenas, fomentar a empatía cos retratados, salientar a emoción. Tim Flach (Londres, 1956) quere promover a través da súa obra unha sociedade máis concienciada, formada e sensible coa necesidade de incorporar a sostibilidade a todos os aspectos da nosa vida. «O noso futuro depende diso», defende o fotógrafo.
Na súa dilatada traxectoria, Tim Flach traballou con entidades da talla do National Media Museum en Reino Unido, o Museo de Historia Natural de Suecia, National Geographic ou o xornal The New York Times. É membro honorario da Royal Photographic Society e recibiu o Premio Honorario Doutoramento da Universidade das Artes de Londres. Na actualidade é presidente da Asociación de Fotógrafos Británicos e Europeos (AOP).
En risco de extinción
A exposición «Emocións en perigo» reúne imaxes do proxecto de Flach Ameazados, que levou o fotógrafo a retratar especies en extinción en todo o mundo. En lugar de enmarcalos no seu hábitat natural, Tim Flach optou por retratalos sobre fondos neutros, salientando a personalidade de cada especie e mostrando nalgúns casos actitudes e emocións que habitualmente asociamos aos seres humanos. «Tratei de tender unha ponte e convidar á igualdade creando retratos de animais cun estilo de representación xeralmente asociado cos humanos para salientar o seu carácter e personalidade», sostén Flach.
Na exposición, Tim Flach incorpora información específica da situación e os perigos que ameazan cada unha das especies retratadas. Cada retrato está acompañado por unha ficha informativa elaborada pola maior organización ambiental de todo o mundo, a UICN (Unión Internacional para a Conservación da Natureza). A información da UICN sinala o nivel de risco de extinción no que se atopa esa especie segundo a lista vermella desta organización. Ademais do nome científico, e da zona xeográfica á que pertence cada animal, os retratos están acompañados dun texto explicativo sobre a súa especie.
«Fotografei algunhas das especies máis ameazadas da Terra para este proxecto ―explica Flach―, algunhas icónicas, outras menos coñecidas. Varias son recoñecidas en todo o mundo e é sorprendente atopar estes animais icónicos ao bordo da extinción, animais aínda representados con orgullo en películas e libros, como xoguetes de peluche na colección de animais salvaxes da habitación dun neno». Viaxando ao redor do mundo, a escenarios que van desde o bosque ata a sabana, os mares polares e os grandes arrecifes de coral, o fotógrafo construíu un poderoso rexistro visual de animais e ecosistemas en risco.