
As aplicacións da intelixencia artificial en diferentes sectores centran a terceira conferencia do ciclo de Afundación
A aplicación da intelixencia artificial (IA) aos problemas reais nos ámbitos da enxeñería e as finanzas é un dos campos de especialización de David Castiñeira, o próximo invitado ao ciclo de conferencias organizadas por Afundación e a Universidad Intercontinental de la Empresa (UIE) no marco da exposición «AI: More than Human». Enxeñeiro químico, natural de Lires (Cee), Castiñeira falará sobre IA e outras tecnoloxías emerxentes, desde unha perspectiva de divulgación e aproximación a este campo para todo tipo de públicos. Será na Sede de Afundación na Coruña o martes 27 de decembro ás 19.00 horas, intervención que poderá seguirse tamén, en directo, a través de Afundación TV.
IA en diferentes campos
David Castiñeira intercambiará coñecementos e opinións co público sobre o pasado, presente e futuro da intelixencia artificial (IA). Tamén sobre o papel que a IA pode xogar no devir doutras tecnoloxías emerxentes durante os próximos anos. O especialista galego afincado en Estados Unidos referirase, ademais, aos beneficios tecnolóxicos que a IA pode ofrecer a sectores como a automatización industrial, as novas enerxías, o transporte, o medio ambiente, ou a medicina.
Castiñeira acumula máis de quince anos de experiencia en Estados Unidos, onde dirixiu diferentes equipos de I+D en compañías multinacionais. Actualmente traballa como asesor e director de tecnoloxías emerxentes nunha empresa de enerxía. É autor de numerosos artigos científicos e coautor de patentes e libros de texto no campo da tecnoloxía industrial.
Licenciado en Químicas pola Universidade de Santiago de Compostela, David Castiñeira realizou o seu doutoramento na Universidade de Texas en Austin, onde investigou a aplicación das novas tecnoloxías para a modelización, simulación e optimización de procesos industriais. Ademais dunha estancia no Imperial College de Londres, Castiñeira obtivo un mestrado sobre enxeñería computacional e intelixencia artificial pola Universidade de Harvard. Igualmente, cursou estudos postdoutorais no MIT de Massachussets sobre métodos numéricos e de aprendizaxe automática aplicables ao campo da enerxía, o medio ambiente e a saúde preventiva.
A de Castiñeira será a terceira das cinco conferencias do ciclo sobre IA que organizan Afundación e UIE en decembro e xaneiro dentro da programación da exposición «AI: More than Human». Esta actividade enmárcase así mesmo na iniciativa «Cultura por alimentos» que Afundación leva a cabo en colaboración coa Federación Española de Bancos de Alimentos e que pretende contribuír con artigos de primeira necesidade aos bancos de alimentos locais. As persoas que asistan ás conferencias poderán colaborar doando produtos non perecedoiros ao acceder ás actividades. O acceso á conferencia é libre, previa reserva, en nesta ligazón.
O relatorio terá lugar no mesmo edificio que acolle a exposición sobre intelixencia artificial máis importante realizada en Europa ata a data, «AI: More than Human». A mostra aproxímanos ao concepto de intelixencia artificial, desde as súas orixes ata o presente. O experto en Big Data Antonio Torrado, e a experta en robótica Concha Monje pecharán o ciclo de conferencias en xaneiro de 2023.
As imaxes da exposición e os conferenciantes están dispoñibles aquí.