A Universidad Intercontinental de la Empresa e a Real Academia Galega de Ciencias premian a mocidade investigadora
A Universidad Intercontinental de la Empresa (UIE) e a Real Academia Galega de Ciencias asinaron esta mañá na Sede Institucional da UIE en Santiago de Compostela (rúa Nova, 33), o convenio para a creación do vindeiro certame de promoción do talento investigador en Galicia. Estes novos galardóns, os Premios de Investigación UIE-RAGC para Xoves Investigadoras e Investigadores será de periodicidade bienal e recoñecerá o esforzo que nos eidos das ciencias técnicas, básicas e sociais desenvolve a mocidade investigadora nos centros galegos e que contribúe co seu esforzo ao avance do coñecemento científico. Ao acto de rúbrica asistiron o reitor da UIE, Miguel Ángel Escotet, e o presidente da Real Academia Galega de Ciencias, Juan Manuel Lema Rodicio.
En palabras do reitor da Universidad Intercontinental de la Empresa, Miguel Ángel Escotet, «é moi importante sinalar o compromiso da UIE coa investigación básica e aplicada, e, especialmente, coa mocidade investigadora. Formación, investigación e servizo social e cultural á comunidade son obxectivos que están inseridos no noso ADN». Neste sentido, recalcaba o reitor o compromiso da UIE coa dinamización do saber que se ve materializado ao ser este un certame «enfocado a dar recoñecemento público e potenciar as traxectorias de investigadoras e investigadoras mozas que desenvolven a súa carreira en centros de investigación en Galicia, e que contribúen co seu labor ao impulso do coñecemento científico como motor indispensable de progreso social. Ademais, o seguinte ano académico iniciaremos, na UIE, paso a paso, con prudencia, os nosos programas de doutoramento vinculados intimamente coa investigación».
Juan Manuel Lema Rodicio, presidente da Real Academia Galega de Ciencias salientou que «con estes premios pretendemos poñer en valor e dar ánimos a todas aquelas investigadoras e investigadores que se atopan nos comezos da súa carreira, aínda que xa desenvolvida, pero na primeira etapa, e para que poidan centrarse en abordar un proxecto ambicioso, mentres contan co recoñecemento que todo galardón implica. E, para iso, a colaboración da UIE é fundamental, porque se trata dunha universidade que aposta pola calidade e a xente nova, e isto é o que necesitamos impulsar».
As imaxes da rúbrica están dispoñibles aquí.
Os premios terán unha dotación de 5000 euros por cada rama de coñecemento de ciencias sociais, básicas e técnicas. Dentro do eido das ciencias básicas, concederase pola contribución da investigación ao desenvolvemento da ciencia básica en Galicia en calquera dos campos da física, a química, as matemáticas e a bioloxía. Concederase pola contribución da investigación ao desenvolvemento das ciencias sociais en Galicia en calquera dos campos da economía, a socioloxía, a antropoloxía social e a psicoloxía social). Por último, na rama das ciencias técnicas, concederase pola contribución da investigación ao desenvolvemento tecnolóxico en calquera das súas áreas, valorando o grao de innovación e a súa aplicabilidade.
As persoas que poden concorrer aos Premios de Investigación UIE-RAGC para Xoves Investigadoras e Investigadores deben ser menores de 40 anos (ampliados aos 42 en casos debidamente acreditados e recollidos e detallados nas bases) e precisarán contar cunha destacada contribución á creación do coñecemento, na que se valorará especialmente a calidade, a orixinalidade e o impacto resultante. Así mesmo, serán criterios puntuables a internacionalización, a capacidade de liderado, a capacidade formativa avaliada e a habilidade para a divulgación para o conxunto da sociedade do coñecemento científico.